CulturaEducaciónÚltima hora

A Escola Infantil Municipal do Barco traballa nunha “experiencia de aprendizaxe” no marco do Día do Libro

Esta iniciativa leva por título "Convirto un conto en teatro: O Polo Pepe"

 

Con motivo do Día do Libro, na Escola Infantil Municipal do Barco de Valdeorras traballaron durante esta semana de xeito especial a animación á lectura “tendo en conta a todo o noso alumnado de 0-3 anos, que xa teñen as súas preferencias e os seus contos favoritos ou especiais”, din dende o centro.

 

 

Así, tal como explica o equipo educativo, realizaron actividades durante toda a semana dentro dunha “experiencia de aprendizaxe creativa e multisensorial titulada Convirto un conto en teatro: O Polo Pepe que integra teatro, literatura, expresión oral e corporal, música, etc en colaboración coas familias que sempre resulta máis motivador e axuda a crear vínculos de unión familia-escola”. Ademais, conscientes da importancia da lectura desde esta primeira etapa, dende a escola destacan que os libros son “unha ferramenta marabillosa para traballar calquera obxectivo, para o desenvolvemento da linguaxe e de habilidades cognitivas básicas onde intentamos crear hábitos para o futuro”.

 

 

A primeira actividade que fixeron foi presentar o conto, para, entre todos e todas, realizar o escenario onde se representaría a actuación. “Durante estes días coñecemos ao personaxe, alimentación, ambiente da granxa e traballamos pouquiño a pouco todo o que implica este tema para chegar como colofón á actividade final, que foi a representación teatral do conto coas familias, ás que agradecemos unha vez máis a súa inestimable colaboración”, din dende o centro, engadindo que durante a semana, os cativos puideron levar ao centro o seu libro favorito ou especial, para presentarllo ao resto de compañeiros “e mesmo viñeron algunhas familias para lelo con eles na clase”, conclúen, citando a Benjamin Franklin: Díme e esquézoo, ensíname e lémbroo, involúcrame e apréndoo.

 

 

Fotos cedidas.

Back to top button