OurenseÚltima horaVídeos

A escultura do valdeorrés Cochorro, no linde entre a abstracción e o figurativo, reencóntrase co público ourensán

Este artista, natural de Rubiá, expón nestes días no Centro Cultural Marcos Valcárcel

 

As esculturas máis recentes do artista valdeorrés, Luis Fernández González, coñecido como Cochorro, exporanse ao longo deste mes de decembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel en Ourense. Son unha trintena de pezas reunidas baixo o título “Reencontro”, xa que supón un reencontro deste escultor co público da cidade logo duns trece anos.

A súa comarca, as paisaxes de Valdeorras e da súa Rubiá natal, os montes cheos de lousa e mesmo os grandes incendios do ano 2022 forman o corpus inspirador dos traballos deste escultor de longa traxectoria, que decidiu quedar apegado á terra e dende alí xerar un proxecto creativo moderno e innovador.

 

 

Na inauguración da mostra, que tiña lugar o 29 de novembro, o deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, poñía en valor a aposta da Deputación polos creadores locais para divulgar a súa capacidade artística. Pola súa banda, o artista agradeceu á Deputación o compromiso da institución provincial coa cultura e, en especial, cos artistas ourensáns.

“A linguaxe de Cochorro escórase cara a unha corrente de formalismo sintético, onde sen prescindir absolutamente das referencias figurativas ao corpo humano, ás formas dos elementos naturais, plantas e animais, ou ao da propia paisaxe na que vive, logra esquematizar xeometrías expresivas”, sinalaba o crítico Fernando Ferro.

A mostra reúne pezas en madeira, material no que se centra ultimamente o labor creativo de Cochorro, pero tamén en mármore, maioritariamente de Biobra, se ben tamén aparecen algunhas obras no de Macael. A meirande parte delas móvense nunha tenue fronteira entre a abstracción e o figurativo.

Fotos e vídeos cedidos.

 

Artigos relacionados

Back to top button