En portadaÚltima horaVídeos

A espectacular Estoupa do Xudas marca o remate da Semana Santa nas Ermidas (O Bolo)

 

As Ermidas (O Bolo) revivía no mediodía deste Domingo de Pascua a antiga tradición da Estoupa do Xudas, vinculada a súa Semana Santa e recuperada no 2024 tras tres décadas perdida. Antano tiña lugar no adro do santuario, pero dende o ano pasado desenvólvese na área recreativa á beira do Bibei.

 

 

Numerosas persoas seguían este antigo ritual no que se fai estoupar unha figura de Xudas, de tamaño natural, coa bolsa de moedas na man. Esta figura, vestida de cor azul e cunha túnica lila, colócase sobre unha roda cunha base vertical, que xira impulsada polos petardos que a fan estoupar. En tempos facíase no adro do santuario tras a procesión de Resurrección e posúe un significado simbólico, de xustiza popular.

 

 

Tras a estoupa, algunhas mulleres recollían os restos da cabeleira de Iscariote xa que conta a tradición que tiñan o poder de escorrentar o mal “físico e metafísico”.

O acto da estoupa estaba presentado por Guti e nel tamén interviña Antonio Rey, veciño das Ermidas, que explicaba o sentido desta tradición, que lembra dende meniño, “eu nacín en 1950 e recórdoa sempre e déixouse de facer a mediados dos 80”. Neste senso agradeceu a iniciativa do Concello do Bolo de recuperala de novo, así como outras celebracións propias do municipio. Tamén interviña brevemente un cativo bolés, que expresaba a súa ledicia por ver esta manifestación.

 

Para velar pola seguridade contábase cun operativo do que formaban parte as agrupacións de Protección Civil de Petín, Manzaneda e O Bolo.

Os asistentes podía xantar na mesma área recreativa onde se instalaba o posto dun pulpeiro.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button