DeportesÚltima hora

A Estación de Manzaneda manterase aberta o resto da tempada operando co telecadeira de 4 prazas de Fontefría e 2 telesquíes

O prezo dos fortaits reducirase á metade "ata que poida entrar en funcionamento o remonte principal, de cuxa reparación se encarga a empresa francesa que o fabricou e instalou", segundo a dirección da estación

Cedida.

 

Durante o resto da tempada a Estación de Montaña de Manzaneda permanecerá aberta operando con telecadeira de catro prazas de Fontefría e dous telesquíes, despois da avaría que afectou ao telecadeira principal nunha peza chamada variador, que é a que envía as ordes ao remonte. Así o vén de asegurar a estación este mércores a través dun comunicado de prensa. Establecido o contacto coa empresa francesa que construíu o remonte principal da Estación de Montaña, POMA, esta trasladou á dirección de Manzaneda que “o fallo se atopa no variador principal ou cerebro da instalación”, estimando que o tempo para “a reparación e entrega dos circuítos electrónicos danados pode chegar a ser de 9 semanas”.

Ante esta previsión, a Estación de Montaña decidiu manter igualmente a súa actividade, aínda que durante o tempo que dure a reparación só poderá operar co telecadeira de 4 prazas de Fontefría e cos remontes localizados nesta mesma pista e na de Xeixo.

“Tanto as dúas telecadeiras, incluído o agora avariado, como os remontes da Estación de Montaña foron sometidos ás correspondentes probas de carga, funcionamento e de cables, así como ás preceptivas inspeccións técnicas, en novembro do ano pasado, superándoas todas de forma satisfactoria. Debido a esta incidencia, a partir de mañá aplicarase unha bonificación do 50% no prezo do forfait, que se manterá en 15 euros durante o resto da tempada e ata que volva entrar en funcionamento o remonte principal da Estación”, segundo informa a dirección da mesma.

Polo que respecta ao resto de servizos, permanecerán abertos con total normalidade e a pleno rendemento. A dirección da Estación de Montaña reitera “as desculpas polas molestias ocasionadas por esta avaría, que espera poida ser liquidada canto antes por parte da empresa fabricante do telecadeira”.

Artigos relacionados

Back to top button