Esta mañá o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, participaba en Ourense na presentación da programación de verán da Estación de Montaña Manzaneda, “que propón un calendario de citas deportivas entre xuño e setembro coas que reforzar o seu carácter de destino activo”. Estaba acompañado pola alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez; o alcalde de Manzaneda, Pedro Yáñez; así como polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, entre outra autoridades.
“A Estación de Manzaneda volverá ser un importante foco de atracción turística durante o verán, cunha programación que supera a ducia de eventos e que contribuirá a dinamizar tanto o turismo da comarca como o desenvolvemento económico da súa contorna”, sinalaba Xosé Manuel Merelles.

A programación inclúe grandes citas deportivas e iniciativas vinculadas ao turismo activo, entre as que destacan o evento de Boulder Aire Libre o 13 de xuño; a Copa de España de Descenso BTT os días 20 e 21 de xuño; o MiniDH o 1 de agosto; ou a proba da Copa Xunta – Galicia Calidade os días 18 e 19 de setembro.
A estas actividades súmanse outras propostas como unha concentración de Vespa, probas de marcha nórdica, o Open de Escalada ou actividades continuadas como o Bike Park Manzaneda, campamentos de verán e competicións do circuíto galego de Pickleball, configurando unha oferta ampla e diversificada para todos os públicos.
Así o sinalaba Xosé Merelles, quen se refería a Manzaneda como un “destino diversificado, cunha programación que vai máis aló dos deportes de inverno”. O director de Turismo de Galicia destacaba en concreto a súa vertente como destino familiar, para amantes da natureza e do turismo activo, “así como o seu papel clave na desestacionalización do destino e no impulso á diversificación xeográfica, eixos clave na Estratexia de turismo 2030 da Xunta de Galicia”.

Turismo en Trevinca-Valdeorras
Neste sentido, amosouse convencido de que esta programación contribuirá a afianzar e mellorar en xeral os datos turísticos do xeodestino Trevinca-Valdeorras, que no primeiro trimestre de 2026 rexistrou un total de 4.175 viaxeiros, un 27,3% máis que no mesmo período do ano anterior, e 9.434 noites, cun incremento do 38%, situando a estadía media nas 2,26 noites. Un crecemento no que destaca especialmente o comportamento do mercado internacional, cun aumento superior ao 200%, fronte ao 14% do mercado nacional, o que evidencia o avance na internacionalización do destino.

O director de Turismo de Galicia referiuse tamén aos bos datos da tempada de inverno da Estación, con máis de 35.000 persoas usuarias, entre as que ían esquiar e visitantes —24.000 esquiadores e máis de 11.000 visitantes—, que propiciaron un 100% de ocupación nos apartamentos durante as fins de semana e picos en datas clave, como o Nadal, con especial presenza de turismo familiar. Desde a propia estación cualifican a tempada como “boa”, consolidando a recuperación tras da importante vaga de lumes do pasado verán, que calcinou arredor do 90% da masa forestal da zona.
Xosé Merelles gabou tamén o éxito das campañas promocionais en Portugal, que deron nun impulso á chegada de visitantes do país veciño. Así, durante a tempada de inverno, chegaron a rexistrarse máis de 500 persoas procedentes desta rexión nunha soa xornada, o que permite avanzar no obxectivo turístico da internacionalización do destino.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.
