CulturaCulturaÚltima hora

A Estación de Montaña Manzaneda completa a ocupación para a eclipse solar do 12 de agosto

Ttraballa conxuntamente cos concellos da Pobra de Trives e Manzaneda nunha serie de iniciativas que completarán a programación prevista para esas datas

 

A Estación de Montaña Manzaneda completou todas as prazas de aloxamento para o programa especial organizado con motivo da eclipse total de Sol que terá lugar o vindeiro 12 de agosto, confirmando o enorme interese que espertou este acontecemento astronómico e consolidando a estación como “un dos destinos de referencia para gozar deste fenómeno único”.

Durante os últimos meses, visitantes procedentes de diferentes puntos de España elixiron Manzaneda para vivir unha experiencia irrepetible desde a alta montaña galega, atraídos polas p condicións que ofrece a estación para a observación do ceo. Situada a máis de 1.700 metros de altitude e nunha contorna cunha contaminación luminosa practicamente inexistente, Manzaneda reúne unhas condicións excepcionais para contemplar tanto a eclipse solar como as Perseidas, a tradicional choiva de estrelas do mes de agosto.

 

 

O programa preparado pola estación permitirá ás persoas asistentes desfrutar da observación da eclipse desde a parte alta da estación, á que se accederá mediante o telecadeira turístico, ofrecendo unha perspectiva privilexiada desde o teito de Galicia. A esta experiencia sumarase unha completa programación de actividades para todas as idades, así como a ampla oferta de lecer e natureza que caracteriza Manzaneda durante a tempada estival.

Ademais, a Estación de Montaña Manzaneda traballa conxuntamente cos concellos da Pobra de Trives e Manzaneda nunha serie de iniciativas que completarán a programación prevista para esas datas. Estas novidades converterán a eclipse nunha experiencia que irá moito máis alá da observación dun fenómeno astronómico, poñendo en valor o patrimonio natural, cultural e turístico de todo o territorio.

 

 

Este evento supón “un paso máis na aposta conxunta polo turismo astronómico que impulsan a Estación de Montaña Manzaneda e os concellos da Pobra de Trives e Manzaneda. Un proxecto que moi pronto acadará un novo fito coa futura certificación do destino Starlight ‘Ceos de Trives e Manzaneda’, unha iniciativa que situará este territorio entre os grandes destinos de observación do ceo de España e reforzará o seu posicionamento como referente do turismo de natureza durante todo o ano”, aseguran dende Turismo de Galicia.

O vindeiro 12 de agosto será, ademais, unha data cargada de simbolismo para a Estación de Montaña Manzaneda, xa que ese mesmo día cumprirase un ano do devastador incendio que afectou gravemente á estación e a boa parte da súa contorna, marcando un dos episodios máis difíciles da súa historia recente.

Back to top button