
A Estación de Montaña Manzaneda “logrou un resultado récord na XIII edición dos ESQUÍ THE EAST AWARDS (tempada 2024-2025), a enquisa de referencia que, desde fai trece tempadas, elabora a clasificación das mellores estacións de España, Andorra e Pirineo francés a partir das valoracións directas dos esquiadores”.
Así o indican dende a estación explicando que no informe desta tempada, “Manzaneda sitúase no posto 23 dun total de 49 estacións avaliadas, cunha puntuación global de 6,56 puntos sobre 10, fronte aos 5,15 puntos do exercicio anterior, o que supón unha mellora de +1,41 puntos e o mellor rexistro recente do que se ten constancia para a estación galega nestes premios”.
Este avance “ten un valor especial se se ten en conta o contexto: unha estación atlántica, de altitude moderada e meteoroloxía moi variable, competindo nunha clasificación tradicionalmente dominada por grandes dominios pirenaicos e andorranos, con maiores cotas, máis quilómetros esquiables e redes de innovación máis extensas”, aseguran desde a Estación de Montaña Manzaneda. O director das instalacións, Víctor Picos destaca que este resultado “é unha vitoria compartida con quen nos visita cada inverno e cada verán. Que sexan os propios esquiadores quen nos sitúa na parte media-alta da clasificación demostra que o esforzo destes anos en mellorar a experiencia global está a dar resultado”, sinala.
Un recoñecemento directo dos esquiadores
Os ESQUÍ THE EAST AWARDS son unha enquisa única na que non decide un xurado, senón que son os usuarios quen valora as estacións en 17 categorías: forfait de tempada, traballo de pistas, remontes, prezos, atención ao cliente, comunicación 2.0, alternativas ao esquí, restauración, aloxamento, ambiente, oferta familiar, accesos ou ecoloxía, entre outras. Neste marco, “o salto de Manzaneda reflicte unha percepción claramente á alza na experiencia global: desde o traballo para optimizar cada xanela de frío e neve ata a mellora dos servizos complementarios e a atención ao cliente”.
O director da estación subliña que “este resultado non só fala da neve, fala do conxunto da experiencia Manzaneda como destino de montaña durante todo o ano”. “O noso obxectivo é que quen nos visite no inverno queira volver no verán, e quen nos coñeza no verán queira descubrirnos con neve”, engade Víctor Picos.
O recoñecemento dos ESQUÍ THE EAST AWARDS consolida a Manzaneda como “referente do deporte de inverno en Galicia e como motor de actividade económica na contorna rural, xerando emprego directo e indirecto e atraendo visitantes de toda Galicia, do norte de Portugal e doutros puntos da Península”.
Así, a estación agradece a confianza de esquiadores, clubs, federacións, administracións e empresas da contorna, así como o esforzo diario do seu equipo humano, que traballa en condicións a miúdo complexas para abrir pistas e ofrecer a mellor experiencia posible, tanto no inverno como no verán. Toda a información sobre forfaits, aloxamentos e actividades de inverno e verán está dispoñible na web oficial: manzaneda.com.