CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

A estrea do documental “Saúde” enche o Teatro Lauro Olmo do Barco

Este traballo, que aborda a situación sanitaria de Valdeorras, pero tamén doutras zonas de Galicia e de España; está dirixido por Antón García e producido por Guti González

 

A realidade da sanidade en Valdeorras feita documental. É a proposta do xove barquense Antón García Gonçalves que estreaba na tarde deste 30 de decembro nun Teatro Lauro Olmo abarrotado o seu traballo “Saúde”. A través de case unha vintena de testemuños, entre os que figuran os de profesionais da medicina, políticos, pacientes e mesmo representantes sindicais, fai un retrato da atención sanitaria na comarca, pero vai alá, achegándose a outras zona de Galicia, de España e mesmo dos Estados Unidos para abordar dun xeito global esta problemática, tal e como conta o director.

No relato do documental tamén se recrean determinadas situacións (para as que se contaba cun elenco de actores) para achegar ao público ás vivencias dos valdeorreses.

“Saúde”, cunha duración duns 45 minutos, está producido polo tamén valdeorrés Guti González, que abría o acto xunto ao director no escenario do teatro, agradecendo a colaboración das persoas que participan neste proxecto audiovisual. “Cremos que este é un documental moi importante porque esta é unha loita que segue, na que levamos moitos anos e nós cremos que a sanidade, o sistema sanitario, concretamente aquí na nosa comarca, non é un privilexio, é un dereito e pensamos que está sendo expoliado ao longo dos anos”.

 

 

Pola súa banda, Antón García, sumábase aos agradecementos. “Este é o meu primeiro documental e o certo é que empezo cun tema moi forte, espero que non se me quedara grande, e agradézovos que esteades aquí. Tamén agradecía o apoio da súa familia”. Neste senso, Guti González expresaba o seu agradecemento a Elisa Gonçalves, mai de Antón, “porque ela foi a orixe deste documental”.

Fotos: A.R.

Vídeo: O SIL.

 

 

 

Back to top button