ConcellosO CarballiñoÚltima hora

A estrea mundial de “As maos da pulpeira” dá o pistoletazo de saída ao Xociviga, con cinco días de cine no Carballiño

 

O Auditorio Manuel María do Carballiño quedábase pequeno na noite do mércores 19 de novembro para a inauguración do Festival Internacional de Curtametraxes Xociviga. Máis de 500 persoas acudiron á estrea mundial de As maos da pulpeira, de Silvia Cachafeiro, un filme que retrata a vida das pulpeiras do Carballiño nos anos 50. O equipo técnico e artístico da película participou nun pequeno coloquio co público despois da proxección, no que deron conta da importancia de contar o duro día a día das pulpeiras, ademais de achegar curiosidades sobre a rodaxe.

Diego Fernández, concelleiro de Cultura, puxo en valor o traballo realizado polos irmáns Mario e Daniel Fernández Filloy, directores artísticos do festival e impulsores no 2024 do novo modelo da cita cultural. “Convidamos á veciñanza a desfrutar da variada proposta de curtametraxes que nos ofrece a Xociviga”, apuntou. Pola súa parte, Mario Fernández Filloy destacou a elevada participación do público na xornada inaugural, e resaltou a calidade dos 32 filmes que se proxectarán no auditorio ata o domingo.

 

 

Programación

Desde onte e a ata o sábado 22 de novembro terá lugar a proxección das curtametraxes a competición, divididas durante os tres días en tres bloques de aproximadamente unha hora de duración: ás 17:30, ás 19 e ás 20:30 horas.

As curtas da Sección Oficial Internacional (curtametraxes de todo o mundo que compiten polo premio Xentes e onde tamén se atopan as 4 curtas galegas) dividiranse en sete bloques, repartidos do seguinte xeito: Xentes 1 (xoves ás 17:30 horas), Xentes 2 (xoves ás 20:30 horas), Xentes 3 (venres ás 17:30 horas), Xentes 4 (venres ás 20:30 horas), Xentes 5 (sábado ás 17:30 horas), Xentes 6 (sábado ás 19 horas) e Xentes 7 (sábado ás 20:30 horas).

As curtas da Sección Xénese (onde compiten curtas peninsulares de novos creadores menores de 30 anos) estará dividida en 2 bloques repartidos do seguinte xeito: Xénese 1 (xoves ás 19 horas) e Xénese 2 (venres ás 19 horas). Algunhas sesións contarán coa presenza dos equipos das curtametraxes para facer presentación e coloquio.

O domingo 23 ás 11:30 horas haberá unha proxección familiar co filme de animación Balto (1995) de Simon Welles, recomendada para tódalas idades e especialmente pensada para o público infantil. Pola tarde será o peche desta edición coa proxección das curtas favoritas do público (as que recibiron mellor nota durante a semana no voto do público) ás 17:30 horas e a gala de entrega de premios (xunto coa proxección das curtas gañadoras) ás 19 horas.

O voto do público estará dispoñible en tódalas sesións do xoves, venres e sábado, e consistirá en cubrir unha tarxeta ao saír de cada proxección outorgándolle unha nota do 1 ao 10 a cada curta visionada en dita sesión. Tódolos días actualizarase unha listaxe pública coa nota media que recibiron as curtas o día anterior.

Back to top button