En portadaÚltima horaVídeos

A explotación “Val de Conso”, que combina o caprino coa gandería rexenerativa, no programa Cultiva do MAPA

O subdelegado do Goberno coñecía o seu proxecto e tamén ao mozo granadino que se forma nesta gandería. Na provincia de Ourense este programa do ministerio ten 8 estadías formativas

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou hoxe o compromiso do Goberno coa formación e o relevo xeracional na agricultura e na gandaría da provincia. Fíxoo durante a visita á explotación de gando caprino “Val de Conso”, xestionada por Antonio Tucci e Paula Jarque e situada na zona do Val do Conso, en Vilariño de Conso. Esta explotación é unha das da provincia que participan no programa Cultiva (“Programa de Estancias Formativas de Jóvenes Agriculturores en Explotaciones Modelo) do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e conta cun alumno en prácticas, procedente de Andalucía.

Así, Eladio Santos coñecía como está a ser a experiencia deste mozo, Félix Flórez, procedente de Granada, e puxo en valor a importancia deste programa, que posibilita que mozos e mozas realicen estadías formativas en explotacións de toda España.

 

 

Flórez, que ten cultivo de oliveiras e doutras árbores froiteiras, buscaba ademais unha actividade gandeira compatible con esa produción. Por iso está aprendendo as técnicas e os manexos da gandaría rexenerativa. “É o terceiro intercambio que fago e penso que este proxecto resulta porque che permite coñecer a explotación de preto, vivir co gandeiro e facer todo, ao final sabes cal é o manexo diario da gandería. E isto interésame porque eu teño oliveiras ecolóxicas e para o control da cuberta vexetal do terreo onde están estou pensando en meter ovellas, xa que as cabras non son compatibles co cultivo porque poden danar as árbores. En cambio, as ovellas comen a herba e ao final están abondando o terreo, á parte de poder proporcionar outros aproveitamentos como poden ser carne ou queixo”, explicaba Flórez. “A cabra comería a oliveira, entón a ovella si ten esa vantaxe . A xente alá é moi reacia a meter gando nas oliveiras e ao final é unha axuda”, engadía.

 

 

En concreto, Eladio Santos apuntaba que a provincia de Ourense acolle oito estadías formativas do programa Cultiva 2025, que se iniciou en decembro do ano pasado e rematará o 31 de agosto deste 2026. Algunhas delas foron ou están sendo en zonas como o Ribeiro, Viana do Bolo ou Manzaneda. “Este programa constitúe unha oportunidade única para que as novas xeracións adquiran coñecementos prácticos directamente de explotacións de referencia e para favorecer a incorporación de persoas mozas ao sector primario”.

Nesta visita, o subdelegado do Goberno en Ourense estaba tamén acompañado por José Manuel Miguel, presidente dunha das entidades colaboradoras co Ministerio de Agricultura neste programa formativo, que cobre os gastos tanto de desprazamento como de estadía do alumnado participante.

 

 

Neste sentido, Santos enxalzaba a formación práctica como ferramenta esencial para xerar interese e dar a coñecer diferentes profesións. “O futuro do noso rural pasa por facilitar a formación, a innovación e o intercambio de experiencias entre profesionais, e ese é precisamente o obxectivo desta iniciativa impulsada polo Goberno de España”. Tamén  incidía en que iniciativas como esta contribúen a frear o despoboamento. “O Goberno pretende mellorar a competitividade das explotacións agrarias e gandeiras e tamén axudar á fixación de poboación no medio rural e á xeración de novas oportunidades económicas en pequenas vilas”.

E aludía a boa acollida que está tendo este programa, cuxa convocatoria do vindeiro 2027 prolongarase ao longo do ano. “Cada vez hai máis alumnado e máis explotacións que participan , isto multíplicase, cada vez hai máis necesidades e máis ganas. E xa se ve que as experiencias repítense”.

 

 

Así mesmo, o subdelegado destacaba o papel exemplar da explotación “Val de Conso”, que combina a produción de gando caprino cun modelo de gandaría rexenerativa baseado no aproveitamento sostible dos recursos naturais, a conservación do territorio e a mellora da biodiversidade. Por iso, agradeceu a Antonio Tucci e Paula Jarque a súa implicación no programa Cultiva e a súa disposición para compartir coñecementos con persoas que desexan iniciar ou consolidar a súa actividade no sector.

Eladio Santos enxalzaba ademais o traballo da gandaría como elemento clave na prevención de incendios, pois “axuda á rexeneración da biodiversidade do monte e contribúe a evitar a invasión de masa forestal que non interesa no monte”, como sucedeu o ano pasado nesta explotación na que o lume freou ao chegar á zona traballada. E poñía como exemplo o acontecido nesta explotación, que permitíu avanzar o avance do lume o pasado verán.

 

 

Cultiva 2025

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación inviste 2,4 millóns de euros no programa Cultiva 2025, no que participan 451 mozos e mozas en 194 explotacións no territorio nacional. A iniciativa permite que agricultores e gandeiros mozos realicen estadías formativas en explotacións modelo de diferentes comunidades autónomas, onde coñecen de primeira man sistemas produtivos innovadores.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button