
A exposición “Arte e Humor: o enxeño de Antonio Mingote” que chegaba ao Barco de Valdeorras a mediados de xaneiro da man de ABANCA, Afundación, a Fundación Mingote e o Concello, permanecerá na Sala ABANCA (praza do Príncipe) ata o 22 de febreiro.
Trátase dunha mostra que convida a percorrer, con esa ironía fina e tenrura que o caracterizaban, os grandes momentos da creación artística ao longo dos séculos. “Esta exposición é unha recompilación de obras vinculadas a serie Historia da Pintura e representa un dos exercicios máis singulares de divulgación artística desde a perspectiva do debuxo humorístico”, explican dende A Fundación Mingote, destacando que o artista “propúxose reinterpretar os estilos pictóricos mais relevantes -da arte rupestre a vangarda abstracta, pasando polo Románico, o Renacemento ou o Impresionismo- a través dunha parodia tan culta como divertida”.
Así, en cada unha das máis de 40 láminas expostas, o visitante poderá recoñecer os acenos estéticos de cada movemento, pero tamén descubrirá chiscadelas aos prexuízos, modas ou desvaríos que acompañaron a historia da arte… e da humanidade. “A terra que inspirou a Castelao, Laxeiro ou Maruja Mallo ten unha relación profunda coa imaxe, coa sátira e coa sensibilidade popular. No pobo galego, onde a ironia é case un idioma propio, a obra de Mingote atopará, sen dúbida, un público cómplice, atento e agradecido”, aseguran.
