En portadaÚltima hora

A falta de avances en infraestruturas como a A-76 ou a situación do AVE na Gudiña, na asemblea da CEO

A entidade aposta pola unidade e a acción conxunta na súa reunión anual, o impulso ás pemes, a innovación e o desenvolvemento sostible

 

Esta tarde a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) celebraba a súa asemblea xeral ordinaria no salón de actos de Afundación, nunha convocatoria que reuniu a un amplo número de compromisarios e compromisarias. Durante esta sesión anual, a CEO presentaba o balance da súa actividade e trazaba as principais liñas de traballo para o próximo exercicio. Os asistentes —representantes de asociacións e empresas integradas na CEO, como é o caso de AEVA e do Clúster da Pizarra de Galicia— aprobaron as contas e o orzamento, ademais do balance de asociados e o informe de xestión do último ano. No relativo ao balance económico, os presentes aprobaron as contas do pasado exercicio que acumula unha tendencia positiva nos tres últimos anos, reflectindo unha mellora do 53,8% con respecto ao ano anterior. O orzamento para este 2025 aumenta tamén nun 43,6% con respecto ao executado en 2024.

Marisol Nóvoa, presidenta da entidade, repasou a actividade da organización no último exercicio, marcada polo apoio constante ao tecido empresarial da provincia, a defensa dos intereses comúns e a promoción de proxectos estratéxicos. Na súa intervención, a presidenta da CEO alertou sobre a falta de avances en infraestruturas fundamentais como a A-76 e a A-56, facendo especial fincapé na situación do paso do AVE pola Gudiña, cuxa redución de frecuencias cualificou como “arbitraria e inxusta”.

Neste punto, Marisol Novoa lembrou que a CEO fixo fronte coa Asociación Empresarial de Valdeorras para reivindicar e preservar a conexión coa Gudiña, e celebrou que nos últimos días sumáronse outros colectivos a esta reclamación. Destacou sobre este tema que a decisión de restar frecuencias vai contra o reforzo e o fomento das contornas rurais para dotalos de servizos e políticas de desenvolvemento, e condena a esta comarca e á súa viabilidade empresarial e económica, ‘resulta incomprensible que, en lugar de reforzar esta infraestrutura estratéxica, óptese por recortes que xeran frustración e perda de oportunidades, desmantelando progresivamente un servizo esencial con apenas 3 anos e medio de vida, por iso mantemos a nosa reclamación ante Renfe, Adif e o Ministerio de Transporte para preservar a conexión coa Gudiña se queremos loitar por servizos, oportunidades e futuro na nosa provincia’, afirmou Marisol Novoa.

A presidenta da CEO reiterou tamén a preocupación empresarial polo impacto de medidas laborais que “aumentan os custos e dificultan a operatividade das pemes”, así como polo absentismo e a escaseza de persoal cualificado; e reclamou unha adaptación das políticas á realidade do tecido empresarial galego destacando que “unha carga fiscal elevada, un acceso limitado ao financiamento e un contexto global inestable seguen condicionando as decisións de investimento”. A pesar dos retos, Novoa apelou a manter unha actitude activa e cohesionada: “Desde a CEO reafirmamos a nosa disposición para seguir impulsando proxectos que reforcen o valor da nosa organización. A cooperación entre empresas é a base da nosa resiliencia e crecemento.”

Marisol Novoa alertou sobre os desafíos estruturais que enfronta o tecido empresarial ourensán, como a escaseza de persoal cualificado, o envellecemento demográfico, a dispersión territorial ou o recorte de servizos ferroviarios, que limitan o desenvolvemento de sectores crave. Fronte a estes retos, defendeu o papel crucial das pemes e subliñou as oportunidades vinculadas á economía verde, a innovación e a transformación dixital. Tamén fixo referencia ao impacto da política comercial de Estados Unidos e a inestabilidade internacional nas exportacións e cadeas de subministración, e avogou por diversificar mercados, fortalecer a resiliencia do tecido produtivo e esixir un desenvolvemento territorial máis equilibrado e sostible.

 

Cedida

 

Durante o encontro, púxose en valor o papel das asociacións integradas na CEO, con especial recoñecemento a quen asume tarefas de representación sectorial e territorial. ‘Poñerse á fronte dunha asociación empresarial é un exercicio de xenerosidade e visión a longo prazo’, subliñou Marisol Novoa, destacando a chegada de novos presidentes a asociacións como Acauto, Pastelerías, Aeva ou o Clúster da Pizarra, cargos que ocupan César Fernández, Camilo Álvarez, Carlos Terán e Eladio López. Novoa insistiu en que ‘a forza do grupo multiplica a capacidade de cada empresa para acceder a servizos, exercer influencia e afrontar transformacións’. Igualmente quixo recoñecer a laboral dos e as presidentas saíntes valorando a súa dedicación, compromiso e contribución ao desenvolvemento dos seus sectores e comarcas.

Neste punto, a presidenta da CEO aproveitou para lembrar a dous empresarios recentemente falecidos: Ramón Seijas, expresidente de Acauto, cuxa traxectoria estivo marcada pola súa implicación co progreso económico da provincia; e Olegario Vázquez Raña, ourensán de proxección internacional que sempre mantivo vivo o seu vínculo coa terra. ‘Ambos encarnaron o espírito do traballo colectivo e deixan un legado inspirador para as futuras xeracións empresariais’ afirmou a presidenta.

Actividades e proxectos

No seu repaso do ano, a presidenta resumiu unha axenda institucional “intensa e diversa”, destacando a continuidade de programas como ExportOU Sostible ou Conecta Ourense Rural, e encontros con entidades de diversos ámbitos; tamén fixo referencia ao respaldo da CEO a feiras, congresos e premios que proxectan o talento empresarial ourensán, así como á participación activa en foros de emprendemento, internacionalización, sustentabilidade e formación.

A CEO acolleu ou participou en eventos que abarcaron desde visitas de delegacións internacionais, como a da provincia chinesa de Qinghai, ata a colaboración no impulso coa formación universitaria ou o apoio a sectores estratéxicos como o termalismo, a mobilidade sostible ou a industria da pedra natural, entre outros eventos e xornadas celebradas ao longo do exercicio.

Tamén houbo espazo no informe da presidenta para as actividades, foros e eventos empresariais nos que a CEO representa ao tecido empresarial e arroupa coa súa presenza as accións convocadas. Tal é o caso de presentacións, feiras e certames, entregas de premios e homenaxes, exposicións, asembleas, reunións empresariais convocadas por entidades homólogas como a CEG, e outros actos aos que a CEO acode como entidade representante do empresariado ourensán.

Clausura do presidente da Xunta

Clausúraa do acto correu a cargo de Alfonso Rueda, presidente da Xunta, ante o que a presidenta da CEO, Marisol Novoa, lembrou o papel do empresariado ourensán e galego e a súa intención de “seguir apostando pola innovación, a internacionalización e a sustentabilidade”, obxectivos para os que “as nosas empresas necesitan estabilidade, axilidade administrativa, unha fiscalidade razoable, e sobre todo, investimento estratéxico que nos permita ser competitivos e xerar emprego de calidade”, en palabras de Novoa.

 

 

Na súa intervención, o presidente da Xunta puxo en valor a traxectoria da CEO ao longo de case cinco décadas como entidade de referencia, útil e coñecedora das necesidades das máis de 10.000 empresas da provincia.

O responsable do Executivo autonómico subliñou tamén que Galicia non sería a mesma sen as súas Pemes, e que entidades como a Confederación son fundamentais para a súa consolidación e crecemento. Do mesmo xeito, o presidente autonómico incidiu no papel da Xunta como unha Administración facilitadora, que non pon obstáculos, senón que busca apoiar proxectos viables e con impacto real.

En canto aos retos compartidos co sector empresarial, o xefe do Executivo autonómico fixo referencia ao Diálogo Social como ferramenta clave, e enumerou catro eidos prioritarios: a cobertura de vacantes, a atracción de talento, a loita contra o absentismo inxustificado e o fomento do emprendemento e do traballo autónomo. Entre as medidas destacadas, citou o uso da intelixencia artificial no Servizo Público de Emprego, programas como Galicia Emprega, a Estratexia Galicia Retorna, e o apoio á remuda xeracional no comercio tradicional.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button