Entre os asuntos tratados na sesión plenaria desta tarde de 4 de decembro no Parlamento de Galicia estaba a cobertura das prazas vacantes de pediatras no Centro de Saúde do Barco Centro de Saúde do Barco. Secundino Fernández, deputado do BNG na Cámara e concelleiro en Viana do Bolo, presentaba unha pregunta sobre esta cuestión, sobre a que tamén inquiría a deputada socialista Carmen Rodríguez.
O nacionalista Secundino Fernánde comezaba a súa intervencion expoñendo que no Centro de saúde do Barco hai tres prazas de pediatría que “son para todo o distrito sanitario de Valdeorras, polo tanto a falla de pediatras afecta a todas as cativas e cativos do distrito; dende Viana do Bolo até Rubiá dende Manzaneda ao Barco ou de Larouco a Carballeda. Son máis de 2.500 nenas e nenos dunha comarca con graves problemas de despoboamento e moi extensa e montañosa, no que as distancias se fan máis longas debido ás dificultades orográficas e aos déficits de comunicación. Estas tres prazas están vacantes neste momento, e dúas son de mañá e unha de tarde. A da tarde leva mais de seis anos sen cubrirse, co cal xa temos un déficit crónico de profesionais neste campo. Das outras dúas prazas, unha delas está vacante dende a xubilación do seu titular no ano 2022; dita praza estivo ocupada por unha puericultora até primeiros do 2024; momento na que dita profesional tomou posesión noutra praza quedando vacante. A situación agudízase, e xa se fai insostíbel, a partires de primeiros de novembro pola xubilación do único pediatra que existía; polo que a día de hoxe non hai ningún pediatra en atención primaria no centro de saúde do Barco e por ende en todo o distrito sanitario de Valdeorras”.

Nese senso, Secundino Fernández, pregunta se “a Xunta de Galiza vai darlle algunha solución a este grave problema de atención sanitaria as nenas e nenos de Valdeorras cubrindo as prazas de pediatría vacantes no centro de saúde do Barco”.
Neste mesmo tema incidía a pregunta da deputada socialista, Carmen Rodríguez, na que se indicaba que “xa advertimos en anteriores iniciativas que o pediatra actual xubilábase en outubro deste ano o que obrigou aos pais e nais a manifestarse co fin de visibilizar o problema e anunciaronun calendario de mobilizacións. Desde o Grupo Parlamentario Socialista esiximos ao Sergas solución á espera de nais e pais para que os fillos e fillas sexan valorados por un profesional da sanidade pública, así como solicitamos unha calidade asistencial adecuada. Por iso, ¿como valora o Goberno galego a situación denunciada polos pais e nais afectados pola falta de pediatras, unha vez se xubilou o único pediatra en activo, no centro de saúde do Barco de Valdeorras?”.

Ante isto o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, respondía asegurando que “as nenas e nenos de Valdeorras teñen a asistencia sanitaria completamente garantida. Respetamos o dereito de xubilarse dos profesionais cando lles toca ou a elixir doutro destino cando se abre un concurso de traslados”. E, deseguido, explicaba cal é a situación neste centro de saúde dende o punto de vista da atención pediátrica.
“No ano 2022 no Centro de Saúde do Barco tiñamos dous pediatras, ata que un marchou e foi substituído por un médico de familia con formación en puericultura cualificado perfectamente para a asistencia aos nenos, algo que tampouco deberían criticar, en todo caso dada a importancia que concedemos á pediatría dende a Consellería de Sanidade ofertamos esta praza polo concurso de méritos, unha nova fórmula posta en marcha este ano que busca facer as prazas máis atractivas co obxectivo de garantir a súa cobertura, por certo, unha medida pioneira en España que nos permitiu ofertar máis de 423 prazas e que en ningún momento contou co apoio nin do BNG nin do PSdeG. Cando se resolveu o concurso una pediatra elixiu a praza no Barco de Valdeorras, pero á hora de tomar posesión, facendo uso dos seus dereitos, decidiu renunciar á praza que se mantivo así vacante, a pesar diso, o Servizo Galego de Saúde mantivo a asistencia en todo momento mediante unha reordenación da atención cunha puericultora que apoiaba a outro pediatra do Centro de Saúde. Tan garantida estivo a atención, que o 100% das citas de pediatría foron atendidas en menos de 2 días”.
Así mesmo, o conselleiro aseguraba que “está pendente de resolverse o segundo chamamento para as prazas do concurso de méritos co que contamos cubrir a praza e ademais recentemente tivemos outros procesos selectivos. O pasado mes levouse a cabo o concurso de traslados e quedan pendentes de resolución tres ofertas de emprego que en cuestión de semanas van quedar solucionadas. A partir de aí poderemos proceder ao segundo chamamento do concurso de méritos no que temos confianza en que un novo pediatra elixa a praza do Barco. Na Consellería de Sanidade podemos dicir coa cabeza alta que garantimos a asistencia sanitaria ás nenas e nenos de Valdeorras e que facemos todo o posible por cubrir as prazas de pediatría, mentres vostedes só poñen paus nas rodas”.
Gómez Caamaño tamén indicaba que “este mes de novembro, o pediatra titular que quedaba xubilouse e podemos comprender a incertaza nos pais e nais dos cativos, o que non é lexítimo”, dicía diríxindose aos deputados da oposición, “é o seu alarmismo, nin as súas falsidades, teñen os nenos a atención garantida por suposto e en todo momento. Dende a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco realizouse unha reorganización dos dispositivos sanitarios para continuar prestando en todo momento a atención pediátrica que se viña dando con normalidade, así pois, os dous cupos de pediatría do Barco atópanse cubertos por profesionais sanitarios que se reparten a atención, concretamente con 3 puericultores que son quen de manter as axendas de pediatría do Barco ao día, e todo iso co apoio do pediatra do hospital comarcal cando é preciso e necesario. Vostedes isto non o saben ou simplemente non o queren contar aquí”.
O conselleiro de Sanidade destaca ademais que, “segundo datos da semana pasada, o 100% dos cativos da semana teñen cita en menos de dous días, ¿onde está a falta de asistencia sanitaria? Neste punto gustaríame pór en valor o traballo realizado polos profesionais sanitarios que están botando unha man para garantir a atención dos máis pequenos. Non vou consentir que se poña en dúbida a profesionalidade e a formación de profesionais sanitarios cunha longa experiencia, que o único que fan é axudar nunha circunstancia de escaseza xeral de profesionais”.
Na quenda de réplica, o deputado do BNG, Secundino Fernández, replicáballe ao conselleiro que “o que hai no Centro de Saúde do Barco é atención sanitaria sen pediatras. Vostedes son o goberno son os que teñen que dar a solución, non poden botarlle a culpa á oposición de que non teñen pediatras, para iso está aí e ten a responsabilidade da sanidade. Non lle dea máis voltas, non maree a perdiz, basta xa de escusas de mal pagador, a situación é insostible dende o mes de novembro, onde non hai pediatras en Valdeorras. En pleno século XXI a poboación de Valdeorras non ten pediatras”.
Indicía tamén en “os nenos necesitan unha continuidade na atención asistencial, hai que darlles unha solución. Dende a pasada primavera as nais e pais de Valdeorras están denunciando esta situación na atención pediátrica, facendo mobilizacións, comunicándolle ao Sergas a situación. E o Sergas fai ouvidos xordos e non dá ningunha solución a este grave problema de atención sanitaria”.
Na mesma liña se pronunciaba a deputada socialista Rodríguez Dacosta, considerando discriminatoria a situación no Barco. “A única verdade é que no Distrito de Valdeorras non hai pediatra, resulta incuestionable que o mantemento no tempo da situación aquí descrita conculca, de maneira flagrante, un dereito fundamental como é o da asistencia sanitaria, que se volve máis grave por afectar a un colectivo tan sensible e desvalidado como é o da infancia. Piden os afectados a cobertura de polo menos dúas prazas de pediatría”.

Finalmente, na última das intervencións, o conselleiro de Sanidade resaltaba que “a situación da pediatría no Barco xorde dun problema común que non só temos en Galicia, sabemos ben a carencia de pediatras e escaseza xeneralizada de profesionais da especialidade de pediatría dase no conxunto do Estado”. Pese isto, continuaba, “nada lles vale, denuncian a falta de cada médico, pero cando propoñemos medidas para solucionar ese problema vostedes poñen obstáculos e votan en contra, non lle vale que reorganicemos os recursos dispoñibles para garantir a asistencia sanitaria ás nenas e nenos, iso non encaixa ben con esa descrición apocalíptica da situación que tanto lles gusta repetir”.
Matizaba que “son 1.848 nenos os que teñen atención sanitaria no Barco” e concluía indicando que “a falta de vontade política do goberno central é a causante de que a situación continúe deteriorándose sen pór remedio ao verdadeiro problema que todos sufrimos. A atención estivo, está e estará garantida polo que os cativos non van ter problemas de atención, agardamos que coa resolución dos diferentes procedementos selectivos a situación se vaia esclarecendo e que O Barco poida contar máis pronto que tarde cos pediatras que precisa, o noso compromiso coa sanidade da comarca é amplo”.
A esta sesión asistían o concelleiro do BNG no Barco, Manuel Agra, así como outros militantes desta formación, así como os concelleiros barquenses Orlando Saavedra, Margarida Pizcueta e Aurentino Alonso.
Fotos cedidas.