En portadaÚltima horaVídeos

A Festa da Cereixa de Ribas de Sil celebra 22 anos cun gran ambiente e unha forte aposta pola terra

 

A praia fluvial de San Clodio, un dos referentes naturais e turísticos do concello lucense de Ribas de Sil volvía ser o escaparate perfecto dos produtores e produtoras locais, da gastronomía e da paisaxe do municipio na XXII edición da Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite que se celebraba esta fin de semana. Unha cita que en palabras do alcalde, Roberto Castro, cumpre dous obxectivos fundamentais. Por unha banda, “poñer en valor a produción agraria do municipio, especialmente a cereixa, principal reclamo da festa, así como o viño e o aceite”; e, por outra, “promover o principal recurso turístico da zona, a praia fluvial de San Clodio, co obxectivo de que as persoas atraídas pola cereixa se acheguen á festa de Ribas de Sil e coñezan tamén a contorna, para que volvan coas súas familias a desfrutar do enclave”.

 

 

Nesta ocasión a festa cotou coa participación de máis de 25 expositores, que poñían á venda preto de 2.000 quilos de cereixas, 250 litros de aceite, así como produtos típicos da comarca, como mel, licores, queixos ou pezas artesanais. No apartado do viño, participaban este ano sete adegas, fronte ás dúas que iniciaron a súa presenza na festa, o que evidencia o crecemento e a consolidación deste evento como motor de dinamización económica e social para Ribas de Sil.

 

 

A programación comezará o sábado 6 de xuño coa apertura da feira e dos postos participantes, dando inicio á actividade expositiva e de venda de produto local; aínda que o día forte era hoxe, domingo 7 de xuño con animación musical a cargo da charanga Street Band e do grupo de gaitas Aikirindo, así como a exposición de pintura no aula de pesca. Ás 13 horas tiña lugar a ofrenda floral do Corpus no adro da igrexa e, ás 13:30 horas, a tradicional lectura do pregón a cargo da Subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López Rodríguez, que era presentada polo alcalde.

 

 

Foi un pregón breve, orixinal e cargado de orgullo pola terra e apoio ás tradicións e historia de Ribas de Sil. Facendo honra á súa profesión como arquiveira, a pregoeira abría un expediente da XXII edición da Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite, destacando catro documentos. O primeiro sobre o Sil “un río que trae historias”, facendo un percorrido por todos os pobos que pasaron por Ribas de Sil, un territorio que debuxa a súa historia entre o río e a montaña que demostran que “O Sil foi a gran porta de entrada a Galicia pola que durante séculos chegaron persoas, culturas, coñecementos e formas de vida”, dando lugar a unha tradición agrícola que foi pasando de xeración a xeración, polo que ao celebrar esta festa “tamén estamos a celebrar unha herdanza que leva séculos medrando nestas terras.

 

 

O segundo documento, centrouse “nunha decisión que cambiou a historia”, un mapa da provincia de Lugo co que explicou dun xeito sinxelo e claro o momento no ano 1833 no que Ribas de Sil pasou a formar parte desta provincia, tras anos pertencendo á antiga provincia de Ourense, un feito que cambiou o debir de moitas persoas entre as que se atopa a propia Olimpia. “De non ter sido así quizais eu non estaría aquí hoxe nin sería pregoeira polo que agradezo a decisión daquel ministro, Javier de Burgos, que decidiu colocar Ribas de Sil no lado lucense do mapa”, destacando que ás veces hai pequenas decisións que co paso dos anos acaban converténdose en historias humanos”.

 

 

O terceiro documento sobre “a memoria que non está nos arquivos”, falando de historias con Ribas de Sil como foco para as enfermos polo seu suave clima e espazo idóneo e descubrindo que hai coñecementos que non se atopan nos arquivos, senón nas persoas, que se garda na memoria e se transmite de xeración en xeración por iso “quero rendir homenaxe a todas as persoas que fixeron posible que esta terra conserve a súa identidade, á que traballou os campos, á cultivou as árbores e coidou as viñas, sabendo transmitir o valor do esforzo e do traballo ben feito”.

 

 

Pechando o expediente e o pregón, o cuarto documento falaba sobre o futuro, un folio en branco porque “os arquivos non só serven para gardar o pasado senón para construír o futuro e hoxe cando tantas veces escoitamos falar de rural como se fose un problema eu vexo en Ribas de Sil un exemplo de todo o contrario, representa unha oportunidade pola valia do seu patrimonio, da súa cultura e da calidade de vida que aquí se respira”.

Entre os asistentes ao acto había unha ampla representación política con alcaldes da contorna, entre eles o de Monforte e o de San Xoán de Río.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver.

Back to top button