A Festa do Botelo é alegría, emoción, encontro, sabor e sobre todo moita festa. Máis alá dun multitudinario xantar esta cita gastroturística con case 25 anos de historia, estase a converter e todo un fenómeno social.
E para seguir promocionándoo, dentro e fóra da comarca, dende o Concello lanzan un vídeo promocional no que en dous minutos reflíctese a esencia da festa, “unha cita imprescindible” e que era presentado na mañá deste xoves 16 de xaneiro por parte da concelleira de Cultura Margarida Pizcueta e do alcalde Alfredo García, para “preparar áinda máis o ambiente da programación que arranca hoxe co cine”.
Tal e como explicou Pizcueta, a festa vai percorrendo cada ano novos destinos pero “non tiñamos un soporte para vendela e vímonos na obriga de enviar unha pílula para que a xente de fóra da comarca saiba o que é, cunha ollada atemporal”.

É unha marca máis para “poñer en valor o espírito do evento”, dixo, que está dispoñible en todas as plataformas dixitais do Concello e por suposto na páxina web da Festa do Botelo. Pola súa banda, o alcalde asegurou que “seguimos traballando na promoción do Barco a través do Botelo”.