
Dar a coñecer as numerosas e variadas máscaras do Entroido da provincia de Ourense. É o afán co que nace un ciclo de xornadas promovido pola Asociación de Amigos do Entroido Tradicional de Xinzo de Limia. As súas dúas primeiras charlas están programadas para novembro. O proxecto, denominado “Xornadas de Divulgación do Entroido Ourensán”, estrearase con dúas Boteiras, nai e filla, do municipio de Vilariño de Conso. Será o 7 de novembro ás 12h. na Casa da Cultura de Xinzo de Limia.
Unhas semanas despois, o 28 de novembro os protagonistas da charla serán os Felos de Maceda, coa participación de tres persoas que visten esta máscara.
“A nosa idea é intentar incluír nas xornadas a todas as máscaras da provincia de Ourense, mesmo a algunhas que non saen no Entroido, como é o caso do Irrio de Castro Caldelas para que a xente coñeza tamén a estes personaxes, a súa tradición, o que conleva vestir o traxe…”, adiantan dende a asociación organizadora, que conta co apoio do Concello de Xinzo de Limia.