Entre as novidades da XXVI Mostra do Aceite de Quiroga, que se está a desenvolver nesta fin de semana nesta vila lucense, figura a 1ª Mostra de Camelias deste municipio, que pode visitarse no Auditorio Municipal. Trátase dunha fermosa, singular e interesante iniciativa de José Ramón Teixeira, un apaixoado destas flores nado en Santiago pero con orixes valdeorresas.
Nesta mostra poden verse 23 especies diferentes de camelias, algunhas de pequeno tamaño outras moi grandes, con tonalidades e formas moi distintas, pero todas cunha fermosura que captura a mirada. A maior parte delas proceden do seu xardín na Pobra do Caramiñal (onde ten ata 164 especies plantadas), se ben tamén poden verse algunhas quiroguesas.

“Estou moi satisfeito de poder participar con esta exposición na mostra”, dicía Teixeira durante o III Congreso do Aceite de Oliva de Quiroga, celebrado esta tarde e no que recibía un agasallo do Concello pola súa colaboración. Ademais explicaba que a “camelia posúe un paralelismo moi grande coas oliveiras. Ten unhas sementes das cales pode extraerse aceite que, polo de agora, úsase en cosmética. Con todo, agora mesmo en Galicia estanse a realizar unhas investigacións relacionadas co seu consumo alimentario. Entón penso que se dá ese paralelismo entre as oliveiras e as camelias en canto as posibilidades dos seus aceites e o potencial de futuro que poden ter para Galicia”.
Fotos: A.R.

