
Despois dunha década, Vilariño de Conso recupera unha das manifestacións máis senlleiras do seu Entroido: a fuliada. É unha representación satírica en verso que décadas atrás se desenvolvía nas datas do Entroido nas diferentes aldeas do municipio. A última vez que Vilariño acollía esta manifestación era no Entroido o 2016. Agora retómase a iniciativa da Asociación Vive Vilariño e da Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso.
Volve recuperarse a fuliada a raíz dun traballo realizado polo grupo de voluntariado xuvenil da Asociación Vive Vilariño. “Este ano fixemos un traballo de recolleita de cantigas, versos, fuliadas e mesmo de sons dentro do propio Entroido xa que agora os diferentes pobos xúntanse para tocar, pero antigamente cada aldea tiña cando menos dous toques diferentes de fulión e queremos evitar que iso se perda”, comentan dende Vive Vilariño.

Esta fuliada, compañada dun completo programa de actos, está prevista para o vindeiro 5 de abril, Domingo de Pascua, na vila de Vilariño. Será ás 12h. e, previamente, terá lugar unha ronda de fulión da Asociación Cultural Xuntos polo Fulión de Vilariño.

“Esta fuliada será unha recuperación doutra do ano 1995 que escribiu o señor Vicente de Castiñeira e, ao mesmo tempo, pretende ser unha pequena homenaxe a el. A idea é intentar recuperar as antigas fuliadas”, explican dende Vive Vilariño.
Despois desta representación, cun amplo abano de personaxes, entre eles os propios Boteiros, terá lugar ás 14:30h. un xantar popular (cunha entrada de 25 euros), cun menú a base de embutidos, costela asada con patacas, sobremesa, viño e café. E, pola tarde, actuará a charanga Brexit.
