SanidadeÚltima hora

A Fundación Andrea enche de cor a área pediátrica do Hospital Público de Verín

 

A presidenta e fundadora da Fundación Andrea, Charo Barca, acompañada polo director do Distrito Sanitario Pablo Martín, visitaron a área de pediatría do Hospital Público de Verín, que vén de ser renovada no marco do proxecto “Dulcificación de espazos pediátricos hospitalarios” que promove esta fundación de apoio aos nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais.

O acto contaba tamén coa presenza da subdirectora de Enfermería do, María Jesús Fernández Cotado, e a Supervisora da unidade de hospitalización amarela, Ana Abuín Aido, ademais da da directora da Fundación Andrea, Amaya Castro.

A iniciativa ten como obxectivo crear ambientes máis acolledores, cálidos e alegres para os nenos e nenas hospitalizados, contribuíndo así a facer máis levadeira a súa estancia e a reducir a ansiedade que adoita acompañar os procesos de hospitalización infantil.

No caso de Verín, o proxecto permitiu renovar o deseño e a decoración da zona pediátrica, incorporando cores, murais e elementos lúdicos que fomentan o benestar emocional dos pequenos pacientes e das súas familias.

A Fundación Andrea, con sede en Santiago de Compostela, leva anos desenvolvendo unha importante obra social en toda Galicia. O seu labor céntrase en apoiar ás familias con nenos e nenas que padecen enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais, ofrecendo axudas económicas, aloxamento en pisos de acollida próximos aos hospitais e programas de apoio emocional.

Na provincia de Ourense, a entidade colaborou en diversas melloras de espazos hospitalarios e en iniciativas orientadas ao confort das unidades pediátricas, tanto en Verín como no Hospital Universitario de Ourense.

Principais liñas de traballo e obra social da Fundación Andrea:

1. Vivendas de acollida / “As Casitas”

A Fundación Andrea ten dispoñibles varios pisos ou vivendas próximos aos hospitais, especialmente en Santiago de Compostela, para que os pais ou familiares poidan permanecer alí de balde ou a baixo custo mentres os nenos ingresan por periodos prolongados.

2. Soporte Vital

Un programa de atención a familias que abarca fisioterapia, logopedia, musicoterapia, apoio psicoterapéutico, así como axudas para medicamentos, ortopedia ou outros elementos especializados para mellorar a calidade de vida dos nenos e mitigar o impacto da enfermidade más familias.

3. Dulcificación / humanización de espazos pediátricos hospitalarios

Remodelación e decoración de zonas de pediatría: murais, vinilos, mobiliario lúdico, cor, elementos que fan máis amable a contorna hospitalaria para nenos, tanto en salas de espera como nas habitacións ou zonas de neonatos. Como a intervención realizada no Hospital Universitario e agora en Verín.

4. Axudas inmediatas e económicas

Inclúen bolsas para tratamentos, medicación, desprazamentos, custos de higiene, ou outras necesidades que se presentan de forma inmediata ou inesperada. Ademais, axudas na xestión de trámites para que as familias poidan acceder a prestacións públicas ou outros apoios.

5. Apoio emocional, psicológico e social

A Fundación ofrece atención psicolóxica, acompañamento, apoio social, en moitos casos desde o primeiro momento tras o diagnóstico. Tamén traballa coa terapia familiar, para que non só o neno senón toda a familia poida facer fronte á situación.

 

Back to top button