
A Fundación Florencio Delgado Gurriarán súmase ao pesar e recoñecemento que percorre o mundo da cultura galega tras o pasamento de Xesús Alonso Montero, intelectual, profesor e activista da cultura e idioma galegos, quen ademais se declarou “Corgomófilo dende a súa primeira visita á que fóra a casa de Florencio en Valdeorras”.
Tal como explican dende a Fundación, era o ano 2003, cando se cumprían cen anos do seu nacemento, e acudiu ás Xornadas de Teatro que organizaba a veciñanza cada verán para reivindicar a figura do poeta. Xa daquela, soñábase cun Día das Letras Galegas para Delgado Gurriarán, que acabou chegando case vinte anos máis tarde. “O seu labor investigador puxo os ollos en Florencio xa na década dos anos 60, nunha escolma titulada Os cen mellores poemas da literatura galega. Posteriormente, coñecemos tamén da súa man o Cancioneiro da loita galega, unha obra publicada nos anos corenta en México da que apenas se conseguiran exemplares en Galicia ata pasada a morte do ditador Franco”, din, destacando que Montero tivo unha prolífica actividade investigadora e divulgadora da nosa literatura e entrementres, asumiu o cargo de Presidente da Real Academia Galega.
O seu derradeiro traballo sobre Florencio foi unha preciosa homenaxe, Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio, que publicou o ano das Letras de Florencio e que como el mesmo contou durante a súa presentación, ía ser un limiar e acabou sendo un libro. “O seu respecto e agarimo por Valdeorras quedou demostrado co agasallo do manuscrito deste libro, depositado no Instituto de Estudos Valdeorreses”.
Aseguran que “foi no acto das Letras Galegas de 2022, celebrado na Aira dos Bolos de Córgomo, onde o profesor Montero puido sentir o recoñecemento que se lle ten na comarca, con centos de persoas escoitando o seu discurso con admiración e respecto”.
AE non foi a última vez que estivo aquí, xa que ese outono regresou para as Xornadas Florenciófilas nas que se volveu encher o sala para escoitalo na mesa que compartiu con Víctor F. Freixanes e Ramón Pena. Ese coloquio estivo moderado pola xerente da Fundación Débora Álvarez Moldes, quen destaca a dispoñibilidade e afecto que Montero sempre tivo co proxecto das Letras de Florencio. “Para nós queda unha lembranza marabillosa, a de quen basicamente descubriu a Florencio para a literatura galega. Non podemos máis que estar agradecidas polas ensinanzas, consellos e agarimos. Tivemos moita sorte de contar coa súa amizade, botarémolo moito de menos e dende a Fundación mandamos unha forte aperta a toda a súa familia e amizade, de parte de toda Valdeorras”.