EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A futbolista Antía Pérez, pregoeira da XIX Feira do Viño de Monterrei

 

A futbolista galega Antía Pérez inaugurará oficialmente unha nova edición das grandes citas enoturísticas de Galicia, poñendo en valor o talento galego e o vínculo entre deporte e territorio.

Antía Pérez será a encargada de pronunciar o pregón inaugural da XIX Feira do Viño de Monterrei, o día 7 de agosto ás 20.00 horas, na praza García Barbón de Verín, despois da celebración da Confraría dos Viños de Monterrei, na Igrexa Parroquial. Un recoñecemento á súa gran traxectoria deportiva e aos valores de esforzo, compromiso e excelencia que representa. Talento galego que triunfa dentro e fóra da nosa comunidade, un reflexo do compromiso da Feira do Viño de Monterrei coa promoción de referentes que proxectan unha imaxe da comarca tanto a nivel nacional como internacional.

Máis de 10 anos xogando ao futbol sala en equipos de primeira división, debutando coa selección española e logrando un amplío palmarés nacional e internacional entre os que destacan 2 Ligas, 3 Copas da Raíña, 2 Supercopas de España, 1 Eurocopa, 1 Medalla de Bronce nos JJOO da Mocidade, 1 Futsal Week Women’s February Cup, Terceiro posto Futsal Women’s World Cup entre moitos outros, toda unha traxectoria de esforzo, traballo, superación e éxito deportivo.

A XIX Feira do Viño de Monterrei volverá converterse nun escaparate de referencia para os viños amparados pola Denominación de Orixe Monterrei, reunindo durante varios días a adegas, viticultores, profesionais do sector, veciños e visitantes ao redor dunha programación que combinará degustacións, actividades culturais, gastronomía e música.

Back to top button