OurenseÚltima hora

A Gala 2025 da Federación Galega de Automobilismo rende homenaxe en Ourense a pilotos e escudarías

 

Na tarde do sábado 17 de xaneiro celebrábase no Pazo dos Deportes Paco Paz, a Gala 2025 da Federación Galega de Automobilismo que rende homenaxe a pilotos e escudarías, á que acudía o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, destacando o “crecemento do motor en Galicia nos últimos anos como demostran os vinte títulos galegos ou podios nacionais e internacionais acadados na última tempada”.

Grandes logros como o subcampionato do Supercampionato de España de Rallyes de Javier Pardo, o campionato de España de Rallyes de Asfalto de Jorge Cagiao e Javi Martínez, o triunfo no Campionato de Europa de Montaña de Luis Penido, o campionato de Europa de Rallyes Históricos de Xesús Ferreiro e Xavier Anido, así como a fichaxe da gran promesa do automobilismo galego, Christian Costoya, por McLaren. “No que respecta ás probas galegas cómpre mencionar tamén a Víctor Senra e Alberto Meira, campión e subcampión da categoría raíña, o asfalto”.

 

 

Para o conselleiro de Deportes, estes éxitos son acadados grazas a “tremenda calidade” dos deportistas, pero tamén co “apoio e compromiso” que leva amosando a Xunta nos últimos anos, dixo, felicitando aos premiados na Gala ao tempo que recoñeceu o labor da Federación, á que tendeu a man para continuar alcanzando novas metas.

Esta Gala, na que tamén participaba o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, é para render homenaxe a pilotos e escudarías que fan posible “o prestixio do deporte do motor en Galicia e en Ourense en particular”, dixo o presidente da Deputación. Durante a mesma, fíxose entrega de 160 galardóns a pilotos, copilotos, escudarías e persoas e entidades que colaboran no desenvolvemento dos diferentes campionatos: rallyes, autocross, montaña, karting, rallyemix, rallyesprint e slalom.

No caso da provincia de Ourense, acolleu un total de sete probas na pasada tempada dos distintos campionatos: o Rallye Comarca do Carballiño, o Rallyemix de Barbadás, a Subida a Vilar de Barrio e a de Taboadela, e os Rallyesprint de Piñor, Val de Ramirás e Lobios.

 

 

E, para este ano, ademais de continuar con todas estas probas, retomarase no calendario o Rallye Ourense – Ribeira Sacra. Polo tanto, temos demostrado que Ourense é “un referente no mundo motor, así como o escenario idóneo para a súa práctica”, salientou Menor.

Así mesmo, o presidente provincial lembrou a aposta que realiza a Deputación a prol do deporte base e federado a través de diversas iniciativas e apoio a programas, conscientes de que “o deporte inculca valores e promove un estilo de vida saudablle”.

No marco desta estratexia de apoio ao deporte, Luis Menor lembrou a “2ª beca motor futuro” que saca a Deputación en colaboración coa Federación, para descubrir e promocionar o talento mozo da provincia, ofrecéndolles a oportunidade de competir na tempada 2026 dentro do Campionato de Galicia de Rallys.

 

Back to top button