OurenseÚltima hora

A Gala Beizón de Rebulir esgota as entradas en tempo récord e pon o broche de ouro ao seu 20 aniversario

 

A Asociación Cultural Rebulir ultima os preparativos da Gala Beizón, que terá lugar este venres, 20 de novembro, ás 21 horas, no Teatro Principal de Ourense. A expectación xerada por esta cita quedou patente coa venda de todas as localidades dispoñibles en tempo récord, confirmando unha vez máis o cariño e o respaldo do público a un proxecto cultural que leva dúas décadas traballando pola promoción, conservación e difusión da cultura tradicional.

A Gala Beizón constitúe unha das citas máis especiais do calendario de Rebulir, pero nesta ocasión adquire un significado aínda maior, ao representar o punto e final das conmemoracións do seu 20 aniversario. Unha celebración que serviu para mirar atrás, recoñecer o camiño percorrido e agradecer a implicación das numerosas persoas, colectivos e institucións que contribuíron a consolidar unha iniciativa nacida no ámbito rural e que hoxe conta cunha importante proxección dentro e fóra de Galicia.

Dende a organización destacan a satisfacción por chegar a estas dúas décadas cun proxecto vivo, dinámico e en constante evolución. Lonxe de entender este aniversario como un punto de chegada, Rebulir afronta o futuro con novas ilusións e desafíos. De feito, a entidade xa comeza a mirar cara ao seu 25 aniversario, coa vontade de seguir medrando, incorporando novas xeracións e mantendo a cultura tradicional como espazo de encontro, participación e convivencia.

O éxito de convocatoria da Gala Beizón supón tamén un importante impulso para afrontar o seguinte gran reto da asociación: a XXI edición do Festival Internacional Rebulir (FIR 2026), que se desenvolverá entre os días 17 e 20 de decembro en diferentes escenarios de Ramirás, Celanova e Ourense. Esta nova edición volverá converter a provincia de Ourense nun punto de encontro entre culturas, tradicións e expresións artísticas de diferentes territorios, reafirmando a vocación internacional dun festival que se consolidou como unha das principais iniciativas de intercambio cultural arredor da cultura tradicional.

Con todas as entradas esgotadas, a Gala Beizón preséntase como unha celebración colectiva de vinte anos de historia, esforzo e compromiso cultural. Rebulir pecha así unha etapa conmemorativa, pero faino coa mirada posta no futuro.

Back to top button