SanidadeÚltima hora

A galleta solidaria contra o cancro infantil recada máis de 4.000 euros nesta novena edición

 

A galleta solidaria contra o cancro infantil recadou nesta novena edición máis de 4000 euros, concretamente foron 4169 euros os alcanzados nesta iniciativa xa consolidada e coñecida por moitos ourensáns que acoden a comprala para colaborar coa investigación do cancro nos máis pequenos. Desde que comezou esta acción solidaria, a recadación total das nove edicións celebradas é de 42.686 euros para a loita contra o cancro infantil.

A Asociación Provincial de Pasteleiros e Confeiteiros fixo entrega esta mañá da recadación obtida pola venta das galletas solidarias a favor da Asociación Española Contra o Cancro de Ourense. O presidente e o tesoureiro dos pasteleiros ourensáns, Camilo Álvarez e Arturo Prado respectivamente, entregaban ao presidente da Asociación contra o Cancro, Germán Rodríguez-Saá o cheque con esta recadación, que será destinada para seguir loitando e investigando contra o cancro infantil, e así poder alcanzar o 70% de supervivencia en cancro no ano 2030.

Nesta edición, celebrada o pasado mes de xuño, foron dez as pastelerías de Ourense e provincia implicadas nesta iniciativa solidaria e que doaron as galletas para a súa venda: Arva, El Couto, Milhojas, Miguel, Osi Gourmet, San Yago e A Guinda en Ourense cidade, e desde outros puntos da provincia tamén participaron: Santa Rita en Arnoia, San Diego de Amoeiro, e Dona Bica en Verín. Empresas como Oficode ou Seur e a CEO tamén colaboraron nesta acción solidaria.

Este ano, como novidade, as sedes da AECC de Verín, Xinzo e O Barco tamén fixeron venta das galletas solidarias, co fin de estender este proxecto por toda a provincia. De cara á celebración da décima edición o ano que ven, desde a organización queren sumar outras entidades ou establecementos para que colaboren coa venta desta galleta solidaria contra o cancro infantil.

Na entrega do cheque os representantes de ambas entidades salientaron o alto nivel de acollida da galleta nestas nove edicións, e emprazaron á sociedade ourensá á próxima cita no próximo ano, que fará a número dez desta iniciativa.

Back to top button