
A Garda Civil de Ourense celebraba neste 12 de outubro á súa patroa, a Virxe do Pilar. Ás 12h. oficiábase unha misa na catedral de Ourense. Despois, ás 13:15h. tiña lugar un acto institucional na Comandancia da Garda Civil.
Entre as autoridades asistentes ao mesmo estaba o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, que presidiu o acto e durante o seu discurso destacou o compromiso e a vocación de servizo da Garda Civil para garantir a seguridade en toda a provincia de Ourense. Ademais, acompañado polo do tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Rafael Berguillo, Santos expresou o seu agradecemento e o recoñecemento ao conxunto da Garda Civil polo seu traballo diario, a súa profesionalidade e a súa permanente disposición ao servizo da cidadanía. “O voso compromiso e a vosa responsabilidade son fundamentais para garantir a seguridade, protexer os dereitos da cidadanía e fortalecer a confianza das persoas nas institucións”, sinalou.

O subdelegado incidiu nas particularidades territoriais e demográficas de Ourense, cunha importante presenza de núcleos rurais, unha elevada dispersión e unha poboación envellecida, unhas características que esixen unha atención específica, polo que felicitou aos homes e mulleres que compoñen a Garda Civil na provincia. “En Ourense, garantir a seguridade significa tamén garantir que vivir nunha aldea afastada ou nun concello con pouca poboación non supoña ter menos protección”, apuntou.
Neste sentido, Eladio Santos salientou a importancia da presenza da Garda Civil no medio rural, onde o coñecemento do territorio e a relación directa coa veciñanza resultan determinantes para detectar problemas, anticiparse aos riscos, ofrecer unha resposta eficaz e protexer á poboación máis vulnerable.
Ademais, referiuse aos retos que afronta actualmente a seguridade pública, entre os que destacou a loita contra a violencia machista e o incremento das ameazas asociadas á ciberdelincuencia. “Non podemos normalizar ningunha forma de violencia contra as mulleres nin permitir que ningunha vítima se sinta soa. Precisamos prevención, protección, coordinación entre institucións e unidade”, subliñou.
En breve ampliarase galería fotográfica.