Última hora

A Garda Civil de Ourense celebra o día da súa patroa, a Virxe do Pilar

 

A Garda Civil de Ourense celebraba neste 12 de outubro á súa patroa, a Virxe do Pilar. Ás 12h. oficiábase unha misa na catedral de Ourense e, seguidamente, tiña lugar un acto institucional no acuartelamento de Santa Mariña.

Entre as autoridades asistentes ao mesmo estaba o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, quen durante o seu discurso enxalzou “a capacidade de resposta exemplar” da Garda Civil, que “salvou vidas” durante a vaga de incendios que sufriu a provincia este verán.

Acompañado do tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Rafael Berguillo, o subdelegado cualificou de “heroísmo silencioso” o traballo feito polos axentes na recente emerxencia vivida polos lumes forestais. “Moitos de vós arriscastes a vida para evacuar persoas que tiñan as lapas a apenas 30 metros das súas casas e conservastes a serenidade, mantendo unha coordinación excelente co exército e os efectivos de emerxencias”, destacou.

Eladio Santos recoñeceu tamén o papel do corpo durante o apagamento que sufriu España o pasado mes de abril. “Con altura de miras e vocación de servizo, a Garda Civil fixo en toda a provincia un traballo excepcional por salvagardar a seguridade cidadá, vixiar o tráfico e protexer á xente que máis o necesitaba. Grazas á vosa actuación non existiu o escenario de inseguridade que se anticipaba durante o día”, lembrou.

O subdelegado subliñou que Ourense é “unha das provincias máis seguras de España” grazas, en parte, ao labor da Garda Civil, xa que a Comandancia ten baixo a súa responsabilidade, en materia de seguridade cidadá, 91 dos 92 concellos da provincia, o que supón o 99 % da súa extensión territorial e o 66 % da poboación. “Estades presentes no territorio e o facedes nunha provincia con singularidades que ás veces complican o voso labor. A orografía de Ourense implica unha elevada dispersión da poboación. Unha poboación que está, ademais, moi envellecida, o que implica un risco maior co auxe das estafas”, indicou.

 

 

Violencia de xénero e ciberdelincuencia

O subdelegado do Goberno fixou os principais desafíos aos que se enfronta a Garda Civil, como a loita contra a violencia de xénero, “unha auténtica lacra da que Ourense non é allea”, pois máis de 370 vítimas están sendo protexidas nestes momentos pola Garda Civil na provincia. “Cada muller que sente que non está soa, cada menor que recupera a tranquilidade, son tamén un éxito voso”, sinalou.

Outro dos grandes retos, expresou Eladio Santos, é a ciberdelincuencia, que no primeiro semestre deste ano supuxo na provincia un 23 % do total de criminalidade. “O voso esforzo na formación, na investigación e na persecución destes delitos é fundamental para protexer os dereitos e a intimidade da cidadanía, porque hoxe a seguridade non só se defende nas rúas, senón tamén na rede”, apuntou.

Compromiso do Goberno

O subdelegado ratificou o compromiso do Goberno de España coa Garda Civil, como amosa a Oferta de Emprego Público aprobada neste 2025, con 3.118 prazas para o corpo por oposición libre. “Sabemos que os medios humanos son esenciais para que a institución siga á vangarda e, por iso, o Ministerio do Interior aplica desde 2019 taxas de reposición superiores ao 100 % nas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”, apuntou.

Finalmente, Santos fixo un chamamento aos membros da Garda Civil para “seguir exercendo con orgullo e lealdade aos valores democráticos”. “Servir a España hoxe significa servir a unha sociedade plural, libre e diversa na que cada persoa ten dereito a sentirse respectada e protexida”, sostivo.

Back to top button