OurenseÚltima hora

A Garda Civil intercepta a un vehículo que se dera á fuga nun control policial, na A-52

 

Durante a realización dun dispositivo de control masivo de velocidade e consumo de alcol e drogas, que o subsector de tráfico da Garda Civil de Ourense realizaba o 26 de maio na autovía A-52 á altura da localidade de Ribadavia, detectouse a presenza dun vehículo de matrícula portuguesa que circulaba a velocidade excesiva. Cando os gardas civís procedían a darlle o alto, o condutor fixo caso omiso, acelerando e dándose á fuga de forma temeraria.

“Ante tal situación realizábase un seguimento controlado do mesmo por parte dunha das patrullas, conseguindo alcanzalo e darlle o alto a uns 15 kms do lugar inicial. Durante o seguimento, os axentes observan como un dos pasaxeiros guinda un envoltorio ao exterior, sendo este recuperado posteriormente. No interior do devandito envoltorio apareceu unha substancia esbrancuxada que reaccionou positivamente ao test de cocaína, pesando uns 8 gramos. Unha vez identificados os cinco ocupantes, de nacionalidade lusa, aos mesmos cónstanlles diversos antecedentes por delitos contra a propiedade, polo que se practica un rexistro minucioso dos mesmos e do vehículo coa axuda dun can do servizo cinológico da comandancia da Garda Civil de Ourense”, tal e como informa a Garda Civil.

Consecuencias legais

Froito do anterior o condutor foi denunciado por infraccións de condución temeraria e non obediencia das ordes dos axentes. Así mesmo, denunciouse a un dos acompañantes por infracción administrativa á Lei Orgánica 4/2015, sobre protección da seguridade cidadá, por tenencia de drogas tóxicas nas vías públicas, sanción que pode levar aparellada unha multa de entre 601€ e 30.000€.

Consellos e recomendacións

Desde a Agrupación de Tráfico da Garda Civil lémbrase que os sinais e indicacións dos axentes da autoridade “teñen carácter obrigatorio e prevalecen sobre calquera outra sinalización circunstancial. Ante un control policial ou unha orde de detención do vehículo, os condutores deben reducir a velocidade de forma segura, deterse no lugar indicado e seguir en todo momento as instrucións dos axentes. O incumprimento destas ordes, alén de constituír unha infracción ou mesmo un delito en determinados supostos, pode poñer en grave risco a seguridade dos propios ocupantes do vehículo, dos axentes actuantes e do resto de usuarios da vía. A colaboración cidadá e o respecto ás normas de circulación son fundamentais para garantir unha mobilidade segura e eficaz para todos”.

 

Back to top button