Na noite do 15 ao 16 de novembro de 2024 dous vehículos sufrían un aparatoso sinistro viario na estrada N-120, ao seu paso por Rubiá. “Segundo as declaracións iniciais, un xabaril irrompera na calzada e, tentando realizar unha manobra evasiva, un dos vehículos perdería o control do vehículo e impactado contra o noiro, quedando finalmente no medio da calzada. Inmediatamente despois, outro vehículo saíuse tras tentar esquivar ao primeiro, chegando mesmo a sobrevoar unha focha para acabar impactando contra unha árbore. Como consecuencia, dous condutores e tres ocupantes resultaron feridos e necesitaron asistencia sanitaria”, tal e como informa a Garda Civil.
Tras as manifestacións iniciais, os compoñentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense comprobaron que o dito polos condutores e ocupantes dos vehículos non se correspondía plenamente cos danos dos vehículos e as pegadas atopadas no lugar do sinistro. Por iso, iniciaron unha investigación para tratar de esclarecer o ocorrido, no decurso da cal descubriron que había ata catro vehículos “realizando unha condución temeraria, todos eles conducidos por persoas de entre 18 e 20 anos, sendo un dos pasaxeiros menor de idade”, tal e como indica a Garda Civil.
Nas imaxes obtidas, correspondentes aos túneles que conectan as provincias de Ourense e León, vese como dous dos vehículos detéñense paralelamente ocupando ambos os sentidos de circulación para, segundos despois, iniciar unha carreira. “Unha vez emprendida a marcha, os dous vehículos circulan diante dos outros dous a unha velocidade notoriamente superior á permitida, facéndoo un deles en sentido contrario ao establecido. Ademais, en distintos puntos obsérvase aos vehículos invadir o sentido contrario, adiantarse en liña continua ou moverse dun carril a outro nunha curva de visibilidade reducida”, segundo a información achegada pola Garda Civil.
Agora, o Subsector de Tráfico de Ourense investiga a tres dos catro condutores por un delito de condución temeraria, polo que se poderían enfrontar a penas de prisión de 2 a 5 anos, multa de 12 a 24 meses e, en todo caso, privación do dereito para conducir vehículos de motor entre 6 e 10 anos.

A maiores, dous dos condutores están tamén investigados por un delito de estafa en grao de tentativa, ao dar parte ao seguro alegando circunstancias falsas na ocorrencia do sinistro. O cuarto condutor, non investigado, foi denunciado por realizar unha condución temeraria, o que supón unha multa de 500 euros e a detracción de 6 puntos do carné de conducir.
“A poboación da comarca de Valdeorras é coñecedora da conduta dos mozos, pois circulaban a grandes velocidades e desprezando as normas de circulación de maneira habitual, realizando este tipo de condución polos municipios do Barco, A Rúa e mesmo Pobra de Trives”, engade a Garda Civil. Desde o Subsector de Tráfico declaran que “a sorte deste sinistro é que os elementos de seguridade activa e pasiva dos vehículos cumpriron a súa función. Pola contra, estariamos a falar de un sinistro con 6 vítimas mortais”.
Imaxes cedidas pola Garda Civil.