CulturaCulturaÚltima hora

A Gudiña acolle a III Foliada Torgueira cunha homenaxe ás pandeireteiras e cantareiras galegas

 

A Asociación Cultural Os Torgueiros, coa colaboración do Concello da Gudiña, organiza a terceira edición da Foliada Torgueira, unha cita xa consolidada no calendario cultural do verán na Terra das Frieiras. Este ano celébrase cunha clara vocación de homenaxe ás pandeireteiras e cantareiras galegas, recoñecendo o seu papel esencial na transmisión da música e da tradición oral.

O evento terá lugar o 24 de xullo a partir das 18:00 horas na Praza Maior da Gudiña, e inclúe un mercado de artesanía con produtos feitos a man, actuacións musicais, un obradoiro de baile tradicional e festa ata a noite.

A programación arrincará coa presentación do traxe tradicional da Gudiña, unha peza recuperada grazas ao traballo de recompilación e posta en valor realizado pola propia asociación. As encargadas de amosalo ao público serán Ana Morais e Sabela Estévez, fundadoras, entre outras moitas persoas, da Asociación Os Torgueiros.

Ás 19:15 h terá lugar un obradoiro de baile tradicional impartido por Mark Dosantos, recoñecido mestre cunha ampla traxectoria na divulgación do baile galego, aberto a persoas de todas as idades e niveis.

No apartado musical, o escenario contará coas actuacións de:

Trouleiros de Monterrei

Travesas da Mezquita

Silveiras do Támega

Tamoncela

Airiños do Canizo

As Torgueiras

Torgueiriñas

(e máis agrupacións por confirmar)

A programación continúa cunha foliada aberta, onde todo o público está convidado a cantar, tocar ou bailar. Finalmente, a noite rematará coa Discomóbil A Esmorga, que animará cun repertorio diverso.

A Foliada Torgueira é un encontro interxeracional e comunitario, que busca revitalizar a cultura popular da raia seca, poñer en valor o patrimonio inmaterial galego e crear un espazo festivo aberto e participativo.

 

Back to top button