Todo listo para a II Andaina Nocturna da Santa Compaña, que se celebrará o vindeiro 9 de maio no municipio de Vilamartín de Valdeorras. Neste mediodía presentábase este evento deportivo no salón de plenos do Concello de Vilamartín, nun acto no que participaba a tenente de alcalde, Sherezade Núñez, e representantes de Rutas Xanzá (Sendeirismo e BTT), Víctor Fernández e Jose López.
Esta ruta nocturna e temática, cun percorrido de 10,5 km, terá como punto de partida, como na anterior edición, o Castelo de Arnado ás 21h. Despois seguirá ata Correxais e, dende alí, regresará ao punto de partida, onde haberá unha festa con petiscos e viños de Valdeorras para os andaríns.
Sherezade Núñez agradecía a colaboración de Rutas Xanzá e tamén a todos os participantes do ano pasado, que se sumaban á iniciativa e confiaba en que nesta segunda edición “volvan participar”. Tamén indicaba que “dende o Concello de Vilamartín apostamos polos recursos naturais. Este ano temos o distintivo de que afectounos moito o tema dos lumes e a paisaxe está totalmente transformada, case irrecoñecible, pero aínda así nós temos que seguir facendo camiño e apostando por seguir vertebrando rutas que unen diversos concellos, diversos territorios e animando á poboación a participar”.

Dende Rutas Xanzá, Jose López, centrábase na parte técnica desta marcha, ao mesmo tempo que convidaba á xente a que se sume a ela. “O ano pasado resultou un éxito e os participantes desfrutaron moitísimo. Faise por unha ruta homologada pola Federación Galega de Montañismo. Para min este é o percorrido máis espectacular da zona, en trazado, en dificultade e en vistas. A ruta sae do castelo de Arnado, vai a Correxais con 3,5 km de subida, aínda que aí imos experimentar ao anoitecer nesta ocasión. O ano pasado saíamos coa caída do sol e chegamos a Correxais de noite, o resto de percorrido de noite”.
Jose López resaltaba ademais as fabulosas vistas que ofrece este camiño. “Imos por unha zona onde as vistas do val son espectaculares, baixamos polo Camiño de Fervenza a Arnado de volta ao castelo e rematamos cunha boa festa”. Finalmente, aconsellaba aos participantes levar un frontal.

As persoas interesadas poden realizar as súas inscricións de forma online en sportmaniacs.com ou ben, de forma presencial, en Foot on Mars no Barco, Fimar en Vilamartín ou en Cool Balea na Rúa. O custo da inscrición será de 12 euros para os 100 primeiros en anotarse e de 15 euros para os seguintes.
Fotos: Carlos G. Hervella.
