DeportesÚltima hora

A II Quiroga Bike Marathon reunirá o sábado 19 de setembro a amantes da BTT e da natureza

A presentación da proba deportiva tiña lugar hoxe na Casa da Cultura de Quiroga

 

Comeza a conta atrás para a Quiroga Bike Marathon 2026. A proba BTT que o ano pasado conquistou aos amantes da bicicleta de montaña, regresa para “ofrecer unha experiencia aínda máis espectacular en pleno corazón da Ribeira Sacra e o val de Quiroga”.

 

 

A segunda edición da carreira que incorporará sorpresas e sorteos para os participantes, celebrarase o vindeiro sábado 19 de setembro en Quiroga contando con dúas modalidades. A Bike Marathon terá un percorrido de 45 quilómetros e 1.300 metros de desnivel positivo; mentres que a Bike Extreme alcanzará os 65 quilómetros e 2.300 metros de desnivel. Dous itinerarios que percorrerán carreiros e paraxes do Concello de Quiroga e da contorna do Xeoparque Montañas do Courel, cunha combinación de zonas rápidas, descensos e tramos técnicos.

 

 

A participación poderá realizarse de forma individual ou por parellas e non será necesario contar con licenza federativa. Tamén estará permitida a participación con bicicleta eléctrica, “aínda que esta non terá clasificación específica nin puntuará para a clasificación xeral”, explican dende a organización, lembrando que a inscrición inclúe bolsa do corredor, seguro deportivo e cronometraxe con chip. Haberá avituallamentos sólidos e líquidos distribuídos ao longo de ambos percorridos, indicados no rutómetro oficial.

A saída da carreira será á 9 horas dende a rúa Real onde tamén estará a meta. A carreira pecharase ás 16:30 horas.

 

 

Do percorrido e características da proba, moi importante para a comarca porque serve de promoción de cara ao exterior, ademais de prestarse para este tipo de eventos, falaban na presentación que tiña lugar na tarde deste martes 15 de setembro no salón de actos da Casa da Cultura. Un acto que contaba coa presenza do vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; do alcalde de Quiroga, José Luís Rivera; de varios concelleiros entre eles o de Deportes, Antonio Marcos; e dun dos organizadores, Celestino González, presidente do Oroso Club Ciclista.

As inscricións pecharanse mañá e van polas 190.

 

 

Briefing e sorteos para as persoas participantes

A organización celebrará o venres 18 de setembro, de 20 a 21 horas, na Casa da Cultura de Quiroga, un briefing previo no que se explicarán os principais aspectos técnicos e organizativos da proba.

Ademais, as persoas inscritas que asistan ao encontro participarán no sorteo de diferentes agasallos, entre os que figuran unhas gafas de Óptica-Audición Alicia Lama; unha cesta de produtos para ciclistas da licenciada Marta de Olano Vela; un pantalón, un casco e un maillot de Valwind; e unha fin de semana en temporada baixa en Xeo Camping Montañas do Courel.

A organización agradece expresamente o financiamento e a colaboración do Concello de Quiroga e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, fundamentais para facer posible a celebración desta proba.

As últimas inscricións poden formalizarse na páxina web oficial: www.quirogabikemarathon.com

Fotos: O SIL.

Back to top button