SanidadeÚltima hora

A inscrición online da Carreira das Cidades de Vilamartín contra o cancro páncreas remata o 22 de outubro

É un evento solidario para dar visibilidade ao problema deste tumor e para conseguir fondos cos que financiar investigación contra esta enfermidade

 

A “CarreIra das Cidades contra o Cancro de Páncreas” cumpre o seu décimo aniversario sendo a sétima edición que se celebre na localidade ourensá de Vilamartín de Valdeorras. Esta carreira é un evento solidario dirixido á sociedade para dar visibilidade ao problema deste tipo de tumor, e para conseguir fondos cos que financiar investigación contra esta enfermidade.

Na edición deste ano 2024, Vilamartín de Valdeorras contará coa presenza dos membros fundadores desta carreira de Cristina Sandín, presidenta da Asociación Cancro de Páncreas e Enrique de Madaria Pascual, gastroenterólogo do Hospital Xeral Universitario Dr. Balmis en Alacante e galardoado este mes de outubro co premio ao mellor investigador en Gastroenteroloxía de Europa. Ambos estarán presentes en Vilamartín para dar inicio á primeira das seis carreiras que se celebrarán ata fin de ano no resto de España: Valencia, Alicante, Madrid, Estepona (Málaga) e Tarragona.

O lema da Carreira das Cidades para esta edición é “10 anos movidos pola esperanza” e pretende abrir unha ventá á esperanza aos avances nos tratamentos e nos diagnósticos para que os pacientes teñan unha mellor calidade de vida e poder atopar novas vías de investigación e recadar os fondos necesarios para poder avanzar.

A Carreira das Cidades valdeorresa celebrarase o vindeiro domingo 27 de outubro con saída do Pavillón Polideportivo de Vilamartín, na zona recreativa de O Bañadoiro. Os horarios serán os seguintes: 10 horas será a carreira e a andaina longa (13 quilómetros) e ás 10:30 horas a andaina curta (7,5 quilómetros). A proba está aberta a todas as idades, menos na carreira, que só poden participar os maiores de 16 anos.

 

 

Para Eva Iglesias, organizadora do evento de Vilamartín de Valdeorras e membro de Acanpan e Acapaval, “este evento é 100% benéfico e o importe recadado doase íntegramente para as becas de investigación contra o cancro de páncreas. Este ano desexamos chegar preto dos 20.000 euros que se racadaron a edición pasada e supón un orgullo para nós que desde unha poboación tan pequena consigamos acadar o 10 % do importe total alcanzado en toda España”.

O importe da inscrición será doado integramente á investigación en Cancro de Páncreas, 12 euros por persoa (6 para menores de 16 anos). O prazo de inscrición online remata mañá martes 22 de outubro e pódese inscribir na seguinte dirección web: https://www.carreirasgalegas.com/.

Tamén é importante salientar que estará habilitada unha carpa da organización o mesmo día da proba a partir das 8:30 horas onde poderá facerse a inscrición ata o momento efectivo da saída.
A carreira de Vilamartín de Valdeorras está promovida por ACANPAN (Asociación de Cancro de Páncreas), AESPANC (Asociación Española de Pancreatología) e AEG (Asociación Española de Gastroentereologia) e organizada por unha asociación sen ánimo de lucro de ámbito comarcal ACAPAVAL (Asociación Cancro de Páncreas de Valdeorras), coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, a Delegación Valdeorresa de Atletismo, José López (“Parra”) do Club Peña Trevinca, Concello de Vilamartín, apoio da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras e a Deputación de Ourense.

 

 

O cancro de páncreas

O cancro de páncreas, é chamado, o cancro silencioso por ter uns síntomas tan inespecíficos, que fai que se diagnostique demasiado tarde para un tratamento eficaz. Por iso, é tan importante seguir investigando e dando a coñecer este tipo de tumor á sociedade. “Este ano estímase que case 10.000 persoas serán diagnosticadas de Cancro de Páncreas en España un 8% máis que en 2023. O 92% dos pacientes non sobreviven máis 5 anos tras o seu diagnóstico, cos tratamentos que hai a actualidade. Hai 10 anos eran do 97%. O cancro de páncreas é o único tumor maligno cuxa mortalidade aumentou nos últimos anos, en ambos os sexos e segue sendo o noveno en incidencia e a terceira causa de morte por cancro en España”, indican dende a organización da proba.

En 2024 este tipo de cancro aumentou en incidencia, pasando do noveno posto en 2023, ao oitavo. E é a terceira causa de morte por cancro en España (7.973 persoas falecidas en 2022), tomando como referencia o cancro de mama que é o 1º en incidencia (ao que máis persoas afecta), pero ten menos mortalidade (6.754 persoas falecidas en 2022).

 

 

“Ademais é fundamental, informar á sociedade dos signos e síntomas desta enfermidade, para poder detectala precozmente e mellorar o prognóstico. Xa que actualmente non existe unha proba que detecte o cancro de páncreas de forma temperá, antes de que aparezan os síntomas, aplicable á totalidade da poboación, polo que é importante a divulgación dos riscos e síntomas, que a miúdo son vagos e atribúense incorrectamente a outras afeccións menos graves. Os síntomas máis comúns inclúen: dor estomacal de inicio nas últimas semanas ou meses, dor na parte media das costas, perda de peso inexplicable, ictericia (ter os ollos ou pel amarelados), diabetes de nova aparición, cambios nas feces ou perda de apetito”, comentan os promotores desta carreira benéfica.

 

Back to top button