Algo menos que nas anteriores edicións e cunha intensa calor, preto de 400 persoas de todas as idades participan no “Vilacolor Run”2026 que se está a celebrar en Vilamartín de Valdeorras. Correndo, andando, saltando, bailando e cubertos de polvos holi.

Un ano máis o programa deste evento festivo que se move entre o deporte e o lecer, comezaba coa recollida de dorsais no exterior do pavillón do Bañadoiro, na área recreativa vilamartinesa, e con animación ambiental a cargo do Dj principal da Macrodiscoteca Pandora, mentres a xente se preparaba e agardaba á sombra das árbores no parque.

Despois, dende o seu escenario, Rocío impartía unha master class para ir entonando o corpo e xa cara ás 18:30 horas comezaba a carreira propiamente dita, cun novo percorrido duns 5 kilómetros pola vila, apto para nenos e maiores, con reparto de polvos de cor ata chegar ao punto de partida cunha gran concentración e gran explosión de polvos.

O broche a este animado e concorrido evento, que conta tamén con inchábeis para os máis pequenos, bar e food truck poñeráo Jorge Ferré, ex cantante da orquestra Panorama.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

