
A IV Bolsa de Medicina Rural Asomega-SEMG, que ten como obxectivo recoñecer e apoiar iniciativas innovadoras de mellora da saúde na contorna rural, xa ten gañador e, este ano, ademais, un accésit. En ambos os casos trátase de traballos procedentes da provincia de Ourense: o primeiro premio, ao que se destinan 5.000 euros, é para un proxecto de Manzaneda-Chandrexa de Queixa, mentres que o accesit, dotado con 1.000 euros, concedeuse a unha proposta da comarca de Valdeorras. Como en edicións anteriores, a deste ano conta co respaldo de Menarini, tal e como se informa dende Asomega
A entrega dos galardóns celebrarase o próximo 1 de agosto en Monforte de Lemos durante o tradicional Encontro de Verán de Asomega, un evento que reúne aos socios e amigos de Asomega, así como a autoridades sanitarias.
Plan de Actuación Integral Saúde Natural do Macizo Central: Manzaneda-Chandrexa de Queixa
O proxecto gañador da IV Bolsa de Medicina Rural, titulado “Plan de Actuación Integral Saúde Natural do Macizo Central: Manzaneda-Chandrexa de Queixa”, preséntano os médicos Sonia Isela Trejos, do Centro de Saúde de Manzaneda, e Carlos Moral, do Centro de Saúde de Chandrexa de Queixa, pero nel implícase un amplo equipo. Así, participan tamén as enfermeiras Sabela Pérez (Manzaneda) e Lucía Bruquet (Chandrexa), a nutricionista de Manzaneda Fanny Yunen, o farmacéutico da mesma localidade Samuel Chantada, ademais de persoal do Concello de Manzaneda e do Concello de Chandrexa de Queixa, o Centro de Educación Infantil e Primaria de Manzaneda, as Casas do Niño de ambos os municipios e as asociacións de mulleres rurais locais.
A proposta céntrase, segundo se describe no proxecto, en actividades de prevención e educación para a saúde, actividade física, mental e emocional “para esta xeración obxectivo que actualmente se atopa entre os 55 e 79 anos. Preténdese fomentar a interrelación con actividades interxeracionais que fortalezan os vínculos, hábitos, actividades e alimentación que caracterizan a lonxevidade dos nosos maiores”.
O enfoque multidisciplinar e comunitario do proxecto, con accións que se estenderán ata agosto de 2026, foi determinante para a concesión da bolsa principal.
Valdeorras: formación sanitaria con identidade rural
O proxecto que recibiu o accésit, titulado “Valdeorras: Territorio de Saúde e Lonxevidade”, era presentado polas médicas de Familia Alicia Falagán, do Centro de Saúde da Rúa, e María Lozano, do de Vilarmartín. No equipo colaboran tamén profesionais do Centro de Saúde do Barco de Valdeorras e do centro do Ventorrillo, na Coruña.
Este proxecto ten unha finalidade formativa orientada aos profesionais de Atención Primaria que traballan no ámbito rural. O seu obxectivo é reforzar as capacidades do persoal médico e sanitario para afrontar os retos específicos da saúde en territorios rurais envellecidos e dispersos.
Como sinala a propia memoria do proxecto, “pretendemos mellorar a calidade de vida das persoas maiores en relación coa autonomía persoal, o benestar emocional e a prevención da soidade non desexada desde unha perspectiva comunitaria”.
Con estes premios, Asomega e SEMG reforzan o seu compromiso cunha sanidade rural forte, innovadora e enraizada no territorio, indican estas entidades.