A VeigaConcellosÚltima hora

A IV Exposición agrogandeira de Trevinca (A Veiga) contará cun completo programa o 19 e 20 de outubro

Dende degustacións e espectáculos ecuestres ata oficios tradicionais e unha exhibición de cans de pastoreo

 

Por cuarto ano consecutivo, e tras a boa acollida en edicións anteriores, A Veiga acollerá a IV Exposición Agrogandeira de Trevinca “Crianza Trevinca”, que terá lugar o 19 e 20 de outubro. Trátase dunha iniciativa organizada polo Concello da Veiga, en colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense e o Inorde.

Esta exposición agrogandeira busca “revalorizar e seguir impulsando a figura das persoas gandeiras, agricultoras e artesáns, catalogándose como unha homenaxe cara a aquelas que dan alma, valor e vida ao noso territorio, promocionándose tamén a vida no ámbito rural”, tal e como se destacaba esta mañá na presentación do seu programa na Deputación de Ourense.

Durante toda a fin de semana haberá de xeito permanente exposición de gando, razas autóctonas e maquinaria agrícola. Expositores de produtores locais e do sector primario, xunto con stands de artesanía e oficios tradicionais.

O programa conta con actividades xa asentadas pola boa aceptación de anos anteriores como o espectáculo ecuestre, talador de madeira. degustacións de produtos locais (carne, faba loba, mel Montañas de Trevinca, etc.), recuperación do oficio tradicional da malla, etc.

Na programación deste ano inclúense algunhas novidades de cara a abrir a exposición cada vez a un público máis amplo. Contarase cunha exhibición de cans de pastoreo, exposición de maquinaria agrícola antiga local en colaboración coa Denominación de Orixe Valdeorras, catas de viños marinadas con produtos locais.

Contarase co photocall Crianza Trevinca, onde todos os visitantes se poderán facer como recordo unha foto da feira. Mantéñense os xogos tradicionais, o concurso Acarabuñando a Gadaña, xogos de bolos, etc. E sen esquecer, a zona infantil “Espazo Crianciñas Trevinca“ durante toda a fin de semana, onde os máis pequenos desfrutarán de inchables, xogos tradicionais, talleres de chapas, elaboración de chaveiros, pintacaras e ata deseño das súas propias mochilas como agasallo.

A zona de restauración incluirá bares e restaurantes, onde poder degustar a gastronomía local. Tamén estará presente a Food Truck “Galicia Sabe Amar”, da Consellería do Mar, para a posta en valor da actividade pesqueira.

Back to top button