
A IX Andaina Solidaria da Cruz Vermella, prevista para o domingo 29 de xuño, terá nesta edición un percorrido polo municipio do Barco. O punto de saída da proba situarase na sede da Cruz Vermella Valdeorras, na Casa do Río Cigüeño, na vila barquense. A partir de aí os andaríns poderán escoller entre dúas rutas: unha de 6 km de distancia e outra de 12 km.
A organización establece dous puntos de avituallamento ao longo do traxecto. O primeiro deles estará no antigo lavadeiro da localidade de Vilanova. Nese mesmo punto é onde se dividen a ruta longa e a curta. O segundo localizarase no Mosteiro de Xagoaza.
As persoas interesadas en participar nesta andaina poden realizar as súas inscricións, cun custo de 10 euros (que inclúe 1 boleto do Sorteo do Ouro) na mesma sede da Cruz Vermella, pero tamén en Autoescola Valdeorras, Deportes Foot on Mars, Obike Ciclismo, Tenda de Música Ton y Son (no Barco), Fimar Consultores (Vilamartín) e Tienda Okre (A Rúa).
A entrega de dorsais aos participantes está programada para o sábado 28 de xuño, de 10:30h. a 12:30h., ou no propio día da andaina no punto de partida da mesma. A saída desta IX Andaina Solidaria da Cruz Vermella darase ás 9:30h. dende a sede desta entidade benéfica no Barco.
