
O vindeiro domingo 1 de febreiro ás 17 horas terá lugar a IX Merdeirada Cativa, unha actividade organizada pola Asociación Etnográfica A Merdeira que marca o inicio do Entroido na cidade de Vigo. Nela as crianzas poderán facer as súas máscaras para, unha vez caracterizadas, acompañar aos merdeiros adultos polas rúas e prazas do Casco Vello nunha pequena saída que estará amenizada pola Comparsa Decana Os Tarteiras e a Banda de Gaitas do Casco Vello.
Esta actividade desenvolverase no local da AVC Casco Vello onde ao remate haberá unha chocolatada e para inscribirse é preciso cubrir un formulario web que estará dispoñible dende mañá, mércores 28 de xaneiro ás 20 horas.
Para a Asociación Etnográfica A Merdeira este Entroido é moi especial xa que se cumpren 20 anos da recuperación da máscara e do personaxe do Merdeiro. A conmemoración comeza coa merdeirada cativa e continuará con máis actividades como as V Xornadadas do Entroido.
