
O Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia vén de presentar a súa nova identidade visual baixo o lema “Auténtico por natureza”, nun acto celebrado este xoves e que comezaba desvelando a nova marca, que foi “redeseñada para modernizar a proxección da IXP sen perder a súa esencia territorial e institucional”. A continuación celebrouse unha mesa redonda na que se debateu o presente e o futuro de Mel de Galicia nun contexto de mercado cada vez máis competitivo.
No debate participou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, xunto a Esther Ordóñez Dios, presidenta do Consello Regulador da IXP Mel de Galicia, e representantes do sector apícola: Jose Ma Seijo Coello, da Agrupación Apícola de Galicia; María del Carmen Puga González, da Asociación Galega de Apicultura (AGA), e os apicultores, produtores e envasadores, Javier Carreiras e José Luis González Portabales.
A presentación contou tamén cun showcooking e un túnel de cata das marcas adscritas á IXP, o que permitiu aos asistentes probar de primeira man a diversidade e a calidade dos meles certificados. Así mesmo, os alí congregados puideron desfrutar dunha exposición que repasaba a historia do mel en Galicia.

Un sector en “máximos históricos nos ultimos 5 anos”
A IXP Mel de Galicia pechou 2025 co mellor dato de produción da súa historia: 369.743 quilogramos de mel cualificado, un 37% máis que en 2021, cun valor económico de 3,3 millóns de euros. O número de envasadores inscritos tamén acadou un novo máximo, con 46 operadores e 68 marcas comerciais. Este incremento reflicte o grande interese tanto das empresas envasadoras por estaren acollidas, como da canle distribuidora polos produtos amparados polo selo de calidade.
O Consello Regulador da IXP destaca por ser o que máis mel certifica de España, representando un 58% do total. Detrás de cada colleita existe un oficio ancestral, no que os apicultores transmiten coñecementos herdados dos seus antepasados, mantendo viva unha tradición profundamente ligada ao territorio. Estas técnicas veteranas, xunto co característico clima galego, que favorece o desenvolvemento dunha flora rica e variada, permiten que esta delicia dourada conserve as súas propiedades xenuínas. Ademais, o Mel de Galicia posúe un alto contido en antioxidantes e vitaminas, unhas propiedades nutricionais excepcionais constatadas polo estudo realizado pola Facultade de Ciencias de Ourense en colaboración coa IXP.

Cambio de imaxe
A IXP Mel de Galicia mantivo desde 1988 “unha imaxe tradicional que transmitía elegancia; porén, os tempos cambian e as marcas deben afrontar novos retos. Como resposta estratéxica a este contexto, preséntase a nova identidade da IXP Mel de Galicia, concibida para incrementar o valor percibido polo consumidor e reforzar o posicionamento do mel galego fronte á competencia. Procura transmitir seriedade e garantía institucional, sen perder a proximidade, a calidez nin a ligazón coa terra”, segundo a IXP.

O deseño de marca constrúese a partir dun logotipo que integra de forma harmónica tipografía e iconografía. Nun primeiro golpe de vista, o elemento máis destacado é a abella, que á súa vez conforma a inicial «G» de Galicia; un deseño orgánico que transmite dinamismo e reforza o vínculo co lugar de produción e coas principais protagonistas da elaboración do mel. As ás da abella poden interpretarse tamén como pétalos dunha flor, ampliando o universo visual cara á biodiversidade e á orixe vexetal do produto.
A nova marca implantarase de maneira progresiva en todos os soportes e materiais corporativos da IXP: contraetiqueta oficial, comunicacións institucionais, elementos promocionais, presenza dixital e redes sociais.
