Despois de pasar por diferentes localidades da provincia (Manzaneda, Trives, Viana do Bolo, Castro Caldelas, O Barco de Valderras,…) Juan Carlos Alonso chegaba co seu libro “El último maqui. Vida y leyenda de Mario de Langullo (Ed. Almuzara, 2025) á Rúa.
Estaba prevista para o verán, na rolda de presentacións por toda a provincia, pero a vaga de incendios obrigaba a pospoñela, sendo na tarde deste mércores 10 de decembro cando o autor se achegaba ata a Biblioteca Municipal.

Alí, acompañado polo concelleiro Avelino Fernández, Juan Carlos abordou a complexidade dun personaxe que pasou 32 anos agochado nos montes da contorna tras a Guerra Civil, convertido nun símbolo da resistencia antifranquista, pero tamén nun home marcado pola dor, a vinganza e a violencia, subliñando que “a historia de Mario non é unha lenda, senón un relato real que reflicte as contradicións dunha época na que a liña entre a xustiza e a barbarie era moi difusa”.
Mario, fillo do alcalde socialista de Manzaneda, asasinado e arroxado da Ponte Bibei, viviu a represión do réxime franquista desde neno. A súa nai faleceu tras as palizas recibidas por negarse a revelar o seu paradoiro. Uns feitos que marcaron para sempre o seu carácter e a súa vida como guerrilleiro, sindicalista e, tamén, como autor de máis de quince asasinatos e medio cento de atracos, segundo recolle a obra.

Unha obra que, tal como aseguran, está tendo moi boa acollida. De feito o acto incluía sinatura de exemplares por parte do autor.
Fotos: Vero Vieira G.