En portadaÚltima hora

A LIII Festa da Bica de Trives combina gastronomía, cultura e grandes concertos

A celebración, que terá lugar os días 25 e 26 de xullo, mestura o tradicional xantar popular con música en directo, sendeirismo e artesanía

 

A Pobra de Trives xa quenta motores para celebrar unha nova edición da Festa da Bica, unha das citas gastronómicas máis emblemáticas da comarca. Esta fin de semana, os días 25 e 26 de xullo, a vila acollerá a LIII edición desta celebración, declarada Festa de Interese Turístico, cun programa que combina música en directo, tradición e actividades para todos os públicos arredor do produto máis representativo da repostaría trivesa.

A música será un dos grandes atractivos desta edición. A organización aposta por reunir nun mesmo escenario dúas xeracións da música galega: o talento emerxente de Skadelos e a traxectoria de Luar na Lubre, dous nomes que representan o presente e a historia da escena musical do país.

O sábado 25, ás 21:30 horas, actuará Skadelos, a banda do Carballiño que acaba de dar un paso decisivo na súa carreira tras proclamarse gañadora do premio Onda Chicha, celebrado na Sala Capitol de Santiago de Compostela. O galardón recoñeceu un directo marcado pola forza, a personalidade e a conexión co público, ademais de abrirlles a porta á gravación dun EP nos estudos Garaxe Land.

 

 

Xa o domingo 26, ás 21 horas, será a quenda de Luar na Lubre, que fará parada en Trives dentro da xira coa que celebra os seus 40 anos de traxectoria. Con 21 discos publicados, máis de 400.000 copias vendidas, dous Discos de Ouro, nove Premios da Música e a Medalla Castelao 2025, o grupo continúa sendo unha das grandes referencias da música galega, cun percorrido internacional que os levou a ofrecer máis de 2.500 concertos en máis de 60 países.

Con todo, a programación arrancará o sábado co tradicional xantar popular, amenizado polas actuacións de Son do Sil e Os Trintas de Trives. Xa o domingo, ademais do concerto de Luar na Lubre, celebrarase unha andaina con subida á Cabeza Grande. Ademais, a festa estará acompañada pola II Mostra de Palilleiras de Trives, completando unha fin de semana na que a gastronomía, a música e as tradicións volverán converter a vila nun punto de encontro para veciños e visitantes.

 

 

 

Back to top button