Na tarde deste sábado 7 de marzo o Centro Sociocultural Santa Lucía de Vilamartín de Valdeorras acollía a asemblea anual da Asociación Valdeorresa de Apicultores, na que, entre outras cuestións se abordaba a situación do sector na comarca e problemáticas como a da velutina incidindo na necesidade de comezar a trampear, ademais de poñer ao día as contas e programar as actividades para este 2026.
Ademais, no marco da asemblea tiña lugar unha interesante charla sobre a varroa a cargo de Rubén Fernández Rodríguez, biólogo e apicultor colaborador da Agrupación Apícola de Galicia de Chandrexa de Queixa, que falou sobre a loita integral contra a varroa (resistencia aos produtos, pautas de tratamentos, momento de tratar, tratamento a elixir, método de control…), facendo fincapé na imperiosa necesidade de actuar ante a alta porcentaxe de mortalidade no sector apícola. “A varroa, a velutina, o cambio climático,… sen falar dos incendios sufridos o pasado verán, fan que a morte de avellas ronde o 45%”, asegura Rubén, confiando en concienciar aos apicultores para intentar frear esta tendencia e informen aos técnicos do grao de efectividade dos tratamentos, neste caso contra a varroa.

Fotos: Mónica G. Bellver.