
O I Festival de Artes e Enoturismo de Valdeorras Entre Covas, comeza este venres 20 de xuño a súa programación cunha velada única de maxia e gastronomía na emblemática Cova da Xabreira, en Seadur, Larouco. O protagonista da noite será o recoñecido ilusionista Joshua Kenneth, quen presentará un espectáculo sorprendente nun escenario singular: unha antiga cova de viño.
A actuación comezará ás 20 horas e contará cun aforo limitado a 50 persoas, para garantir unha experiencia íntima e exclusiva. Ademais do espectáculo, o evento incluirá unha cata de tres viños e unha degustación de aperitivos que rende homenaxe aos produtos e sabores da comarca cunha táboa de embutidos de Valdeorras; queixos galegos con mel de Seadur; marmelada de pementos asados; paté de berenxenas; empanada de carne; lacón á galega; melón con xamón; e cañitas de crema pasteleira.

O prezo do evento é de 25 € por persoa (espectáculo+cata+aperitivos), coa posibilidade de adquirir un bono para tres espectáculos por 60 €.
‘Entre Covas’ é unha iniciativa impulsada pola Ruta do Viño de Valdeorras, co apoio de Turismo de Galicia e a colaboración da Deputación de Ourense, que busca poñer en valor o patrimonio vinícola, artístico e cultural da comarca a través de propostas culturais inmersivas.
Venda de entradas en Ton y Son e a través da web da Ruta do Viño de Valdeorras.