CulturaCulturaÚltima hora

A maxia do Mago Teto, unha das propostas que ‘Circo no Camiño’ levará a catro localidades galegas

O director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles, presentou esta iniciativa que se desenvolverá do 12 de novembro ao 6 de decembro

 

O director de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles, participaba na mañá do  martes 10 de novembro na presentación da iniciativa ‘Circo no Camiño’ na Cidade da Cultura. Unha proposta que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, con artistas nacionais e internacionais coa idea de “achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago”.

 

O director de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles.

 

Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas. En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, onde estará do 12 ao 15 de novembro; Lalín, do 20 ao 22 de novembro; A Estrada, entre o 27 e o 29 de novembro; e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

 

 

Entre as principais propostas que se presentaron este martes destacan a Gran Gala de Circo no Camiño, conducida polo pallaso Fifo; a maxia do Mago Teto; os espectáculos de Culturactiva; a música para cativos de Uxía Lambona e a Banda Molona; e os pasarrúas de Troula.

O director de Turismo de Galicia incidiu no seu “aporte para a dinamización turística e económica”, así como na “diversificación das experiencias vinculadas ao Camiño de Santiago”.

Back to top button