
A Media do Camiño celebrará o próximo 24 de outubro no Retiro do Conde, en Vilaza, unha xornada profesional arredor das oportunidades que a cultura, o deporte e o turismo poden xerar para o desenvolvemento da comarca. A actividade conta co financiamento de Turismo de Galicia, a través do programa O teu Xacobeo, e coa colaboración do Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Verín, que participa na proposta e impulsa o roteiro empresarial que completará o programa durante a tarde. O encontro reunirá representantes de administracións, empresas, asociacións e diferentes profesionais para compartir experiencias, establecer novas conexións e explorar posibilidades de colaboración.
A asistencia ás mesas, o espazo de networking e as visitas guiadas é totalmente de balde, con inscrición previa ata completar aforo. As inscricións pódense facer a través da web oficial da Media do Camiño.
Baixo o título “Cultura, deporte, turismo: que oportunidades estamos deixando pasar?”, a xornada analizará como aproveitar mellor a capacidade de eventos, recursos turísticos, iniciativas culturais ou rutas como o Camiño de Santiago para transformar a chegada de visitantes en actividade económica, novos servizos e oportunidades para o territorio.
O encontro parte dunha idea central: reunir nun mesmo espazo a quen organiza eventos, xestiona recursos, desenvolve proxectos empresariais ou toma decisións desde o ámbito público para favorecer conexións que poidan traducirse en colaboracións reais.
Do público que chega ás oportunidades que quedan
As dúas mesas servirán como punto de partida para abordar esta reflexión desde dúas perspectivas complementarias. “O Camiño como escaparate: do paso á parada e da parada ao regreso” analizará como conseguir que as persoas que xa atravesan o territorio paren, consuman, descubran novos servizos e teñan motivos para volver. A conversa porá o foco nas oportunidades que o Camiño pode abrir para a hostalaría, o comercio, o turismo, o emprendemento e a creación de novas experiencias.
Pola súa banda, “Eventos que deixan pegada: do pico de visitantes ao legado territorial” abordará como aproveitar mellor a capacidade dunha carreira, dun festival, dunha feira ou dunha celebración para xerar actividade máis alá do propio evento: atraer público a outros negocios, ampliar a súa estadía, dar a coñecer novos recursos ou favorecer colaboracións entre organizacións, empresas e administracións.
Un encontro pensado para xerar conexións
A colaboración do Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Verín permitirá levar á práctica unha das ideas centrais da xornada: conectar iniciativas, empresas e recursos locais para favorecer novas relacións e oportunidades no territorio.
Así, ademais das mesas de debate e do espazo de networking, o programa incluirá un roteiro empresarial que permitirá coñecer de primeira man proxectos da comarca construídos arredor do territorio, da identidade e do produto local. As persoas asistentes achegaranse ao proxecto do Retiro do Conde e, xa pola tarde, visitarán o obradoiro de mel Aialma, en Laza, e a Adega Manuel Vázquez, en Castrelo do Val.
A Media do Camiño, máis alá da carreira
A xornada celebrarase na véspera de A Media do Camiño, que terá lugar o 25 de outubro con saída e chegada na Picota de Laza e modalidades de 21 quilómetros, 11 quilómetros e andaina.
A primeira edición da proba xa supera as 300 persoas inscritas entre as súas diferentes modalidades, unha cifra que confirma a capacidade da iniciativa para atraer participantes e mobilizar público arredor do territorio. Ademais, unha parte importante das inscricións procede de fóra do Concello de Laza, mentres o prazo continúa aberto.
Programa da xornada
Sábado, 24 de outubro de 2026
Retiro do Conde · Vilaza (Monterrei)
09:30 h · Apertura e recepción de participantes. Benvida.
09:45 h · O Camiño como escaparate: do paso á parada e da parada ao regreso
Con Ramón Fernández Fernández, escritor, fotógrafo e divulgador especializado no Camiño de Santiago; Luis Congil, xornalista e investigador do patrimonio e da cultura galega; Eva González Pérez, coordinadora do GDR Limia-Arnoia e vinculada ao proxecto SEMTAYR; Emma González Diéguez, xerente do Inorde e vinculada ao Xeodestino Celanova-Terra do Xurés; e Ánxela Torres, técnica do Polo de Emprendemento e aopio ao emprego de Verín.
11:00 h · Eventos que deixan pegada: do pico de visitantes ao legado territorial
Con Marisol Arias Barja, psicóloga do deporte con experiencia en proxectos vinculados ao Real Club Deportivo da Coruña e á Rafa Nadal Academy; Álvaro Pérez Becerra, produtor de Castelo Conta; Xacobo García Novoa, vinculado a enLAZAdos, Ponte Farruca e diferentes iniciativas culturais e festivas de Laza; Gonzalo Losada, vinculado á Feira do Viño da D.O. Monterrei; e José Luis Prieto, responsable de O Segredo do Retiro.
12:15 h · Encontro e networking
Espazo informal para compartir experiencias, establecer contactos e explorar posibles colaboracións.
13:00 h – 16:00 h· Parada para o xantar (non incluido no programa)
Posibilidade de xantar no Retiro do Conde, con reserva previa no 608 34 26 67.
16:00 h · Visita á Adega Manuel Vázquez · Castrelo do Val
Visita a un proxecto vitivinícola ligado á produción local, ao enoturismo e á promoción do territorio.
18:30 h · Visita a Mel Aialma · Laza
Achegamento a un proxecto vinculado ao produto local, á identidade e á creación de valor desde o territorio.
