DeportesÚltima hora

“A Media do Camiño”, unha media maratón polo corazón do Val do Támega

Con saída e meta na praza da Picota de Laza, celebrarase o 25 de outubro con percorridos de 21 e 11 quilómetros, ademais dunha andaina aberta a todos os públicos

 

O salón de plenos do Concello de Laza acollía esta semana a presentación oficial de A Media do Camiño, unha nova proba deportiva que percorrerá o Camiño de Santiago ao seu paso pola comarca do Támega o día 25 de outubro de 2026. No acto participaron Manuel Pardo Cid , delegado da Xunta de Galicia en Ourense ; María Rosa González Rivero , representante do Concello de Laza; Jose Luis Suárez Martínez, representante do Concello de Monterrei; Cristina Gómez Dobarrio representante do Concello de Castrelo do Val; e Jose Prado, representante de KTORCE, organización da Media do Camiño. Durante a presentación déronse a coñecer as principais características desta proba deportiva.

Con saída e meta na Picota de Laza, a proba ofrecerá dúas distancias competitivas, de 21 e 11 quilómetros, ademais dunha andaina aberta a todas as persoas que queiran vivir a experiencia a un ritmo máis pausado. O trazado, maioritariamente por pistas de fá cil percorrido e cun perfil practicamente chan, permitirá manter un ritmo constante, convertendo a resistencia e a estratexia nos principais desafíos deportivos da xornada. Tras chegar á meta, a xornada concluirá cunha romaría final popular aberta á veciñanza. Na que a gastronomía local se convertirá na mellor recompensa despois do esforzo, nun espazo de encontro entre participantes, acompañantes e veciños para compartir a experiencia da carreira.

A programación completarase con outras actividades pensadas para promover o encontro e a reflexión arredor do potencial do turismo activo como ferramenta de desenvolvemento do noso territorio, cuxos detalles se darán a coñecer nas vindeiras semanas Todas e las compartirán unha mesma filosofía, baseada na posta en valor do Camiño de Santiago e no respecto polo patrimonio natural e cultural que o rodea, promovendo entre as persoas participantes unha maneira responsable de descubrir e desfrutar da contorna.

Con esta primeira edición, A Media do Camiño inicia un proxecto que busca consolidarse como unha cita deportiva de referencia na comarca, combinando un percorrido accesible, unha contorna única e unha experiencia que vai máis aló da competición que integra deporte, patrimonio e territorio. Esta actividade conta co apoio da Axencia Galega de Turismo a través das subvencións a proxectos de dinamización e promoción do Xacobeo 2027 (programa O Teu Xacobeo) e co apoio do Concello de Laza, Concello de Monterrei e Concello de Castrelo do Val.

Back to top button