
Supón unha viaxe pola memoria do viño valdeorresa, conservada de xeito especial en Arcos (Vilamartín de Valdeorras). Unha memoria gardada baixo terra, dende hai séculos, a unha humidade e temperatura constantes. Cada mes de xullo, na Festa Coveira, as cuncas abren as portas dunha das mostras máis senlleiras da arquitectura tradicional valdeorresa: as covas.
Esta singular cita, que conxuga gastronomía con celebración e etnografía, cumprirá a súa décima edición o 11 de xullo a partir das 20h. Nela participarán 12 covas, nas que o público poderá “degustar unha importante variedade de petiscos elaborados polos propios coveiros, xunto con doces artesáns e de proximidade, acompañados por viño branco e tinto”, explica a Asociación de Coveiros de Arcos, organizadora con moita ilusión e esforzo do evento, coa colaboración do Concello de Vilamartín e do taller de electricidade e electrónica GARELEC.

A venda anticipada de entradas (donativo de 20 euros) realízase no Barco en Café Bar Chevalier, Rincón Abierto e Bar Anj3l. “Por motivos de seguridade, e cumprindo a normativa autonómica, o aforo ao recinto das covas limitarase a 1.000 persoas”, matizan dende a asociación. Esta cita contará ademais cun ambiente festivo moi especial animado polas charangas Mekánica e Ministreles, que percorrerán a zona das covas interprentando cancións populares, interactuando cos asistentes e fomentando a participación. Haberá novamente un posto de pancetada, “co cal intentamos que as persoas que nos acompañen poidan moverse por todo o recinto”, indica a organización.
Arredor da medianoite, a festa continuará na praza nova de Arcos ao ritmo de “Buena vibra Tour” ata ben entrada a madrugada.

