
Arredor do territorio do val do río Camba (entre os municipios da Gudiña, Vilariño de Conso e Castrelo do Val), actualmente baixo as augas do encoro das Portas, xirará a xornada “A memoria asolagada: Veigas de Camba e A Lama no Encoro das Portas”, que se celebrará o vindeiro 7 de setembro na Casa da Viúva na Gudiña. Estará organizada da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración cos Concellos da Gudiña e de Vilariño de Conso, así como da Xunta.
“O encoro das Portas é coñecido como «o mar interior de Ourense».Anegou 1183 ha e a súa presa, con 141 m, é a máis alta de Galicia,aínda que o encoro sexa o segundo de Galicia en auga embalsada,con 536 hm3. Dá idea da súa envergadura que na construción dapresa traballasen máis de 4000 persoas”, segundo a organización da xornada, coordinada por Nieves Amado Rolán.
Ademais lembran os promotores que en febreiro de 1974, “as últimas veciñas e veciños de Veigas de Camba tiveron que abandonar a aldea, pero a memoria que os une á súa terra fai que todos os anos sigan celebrando cunha romaría o día do seu patrón, San Martiño, na Venda da Capela, na Serra Seca. Este é o motivo polo que se elixiu o 7 de setembro para a realización desta xornada”.
O programa encetarase ás 11h. cunha visita guiada pola Serra Seca. Pola tarde, “nun marco interdisciplinario, reunimos persoal investigador das comarcas do sur e sueste da provincia de Ourense para reflexionar e dar a coñecer as características técnicas da construción do encoro, os múltiples elementos do patrimonio cultural que quedaron asolagados e os procesos xudiciais que mantiveron as veciñas e veciños das vilas asolagadas coa empresa construtora e, sobre todo, para rescatar a memoria das persoas de Campobecerros e Veigas de Camba”, adianta a organización.
Entre os ponentes desta xornada figuran, ademais da coordinadora, o profesor e investigador trivés José María Pérez, que falará sobre “O encoro das Portas: a auga que asolagou Veigas de Camba paraproducir electricidade”, así como o forense Fernando Serrulla. Ademais o vianés Carlos X. Ares moderará unha mesa redonda con veciños de Veigas de Camba e Campobecerros.
O programa da xornada pode consultarse aquí