Máis que ser un mero escenario, a Ponte da Cigarrosa en Petín convertíase en protagonista da actuación que nela desenvolvía na tardiña do 6 de setembro o narrador oral Avelino González. Baixo o título de “Contos que foron chistes”, e tomando como fío condutor a propia ponte, tanto a nivel histórico como antropolóxico, pero tamén do municipio de Petín, ía debullando diversas historias algunhas locais e outras de fóra, en marcada clave de humor, pero tamén convidando á reflexión, logrando atrapar ao público.
Non faltaban referencias ás riadas do Sil e á sorprendente altura que podía acadar a auga no punto onde está a ponte, unha copla referente á feira de Petín, que daba idea da súa importancia; os rituais asociados ás pontes nin, por suposto, o antigo dito de “Petín pitou porque non pasou”, en referencia á resistencia petinesa fronte aos franceses na Guerra da Independencia e o papel que tiveron nese episodio as mulleres.

Ademais Avelino González rendía unha pequena homenaxe, especialmente aplaudida, á mestra petinesa represaliada (estendido á todas as docentes que estiveron nesa mesma situación) María Losada.
O carácter festeiro de Petín tamén aparecía neste divertido e animado espectáculo, incidindo en cuestións como a vaquilla que antano se soltaba nas festas ou no papel que nela ocupaba a Sonora Petinesa e os seus integrantes.

En definitiva, tras o concerto de Susana Seivane no Castrillón de Larouco e as sesións de cine ao aire libre da Rúa, nesta terceira cita de V Valdeorras dábase paso á narración oral cun repaso diferente, sumamente entretido e cómico, as historias locais petinesas e valdeorresas.
A seguinte cita de V Nove está prevista para esta tarde na Praia dos Franceses, na Veiga, coa concerto de San Galaico a partir das 20h.
Fotos: A.R.
Vídeo: O SIL.
