CulturaCulturaÚltima hora

A MIT analiza os medos do presente e celebra o encontro entre música e danza na II xornada da súa 42ª edición

 

Na tarde do venres 17 de xullo o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañados polo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistían, na igrexa da Madalena, á inauguración da 42ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia que continúa este sábado, 18 de xullo, cunha xornada que combina recoñecemento á escena galega, apoio aos procesos de creación e algunhas das preguntas máis urxentes do noso tempo.

O medo ao diferente, a crise ecolóxica, a incerteza ante o futuro e a memoria que gardan os corpos atravesan tres propostas moi distintas, unidas pola vontade de pensar o presente desde a escena.

A actividade comezará ás 12 horas, no Salón de Plenos do Concello de Ribadavia, coa entrega do Premio da Academia Galega de Teatro, unha cita que pon en valor o traballo e a traxectoria das profesionais que sosteñen e enriquecen as artes escénicas do país. Nesta edición, o galardón recae no director, escenógrafo e xestor cultural Antonio Simón.

 

 

A programación continuará ás 20h. na Igrexa da Madalena, coa mostra en proceso de Zoombies, unha investigación escénica do artista Pedro Vilela e TREMA!, chegados desde Portugal. A peza emprega a figura do zombi, tan presente no cinema e na cultura popular, para analizar como e foi construíndo ao longo da historia a idea dun “inimigo externo”. A partir desa metáfora, a proposta revisa os mecanismos cos que o medo e a deshumanización permiten sinalar como ameazantes determinadas identidades raciais, políticas, científicas ou migratorias. Nun contexto marcado polo crecemento dos discursos autoritarios e xenófobos, Zoombies propón unha mirada crítica sobre a fabricación do medo e sobre a facilidade coa que as tensións internas dunha sociedade poden transformarse en monstros exteriores. A súa presenza na MIT permitirá, ademais, achegarse a unha creación aínda en desenvolvemento, seleccionada nas Residencias Paraíso de 2026 promovidas polo Colectivo RPM, e compartir co público unha parte fundamental do proceso artístico.

Xornada de traballo de Colapso. Ser joven ante los límites del crecimiento

Ás 21 horas, no Auditorio Manuel María da Casa da Cultura, chegará a estrea en Galicia de Colapso. Ser joven ante los límites del crecimiento, de Miguel Oyarzun e Juan Ayala. Trátase dunha obra de teatro comunitario e creación colectiva realizada con mozas e mozos de entre 16 e 21 anos, que sobe ao escenario as preocupacións dunha xeración obrigada a imaxinar o seu futuro no medio dunha crise ecolóxica.

 

 

A peza pregúntase que se pode facer ante a posibilidade da fin do mundo cando apenas se teñen dezaseis anos e cuestiona tamén un dos prexuízos máis habituais sobre a adolescencia: se a mocidade se asocia tantas veces co exceso e a irracionalidade, quen son realmente os que se están excedendo nesta crise ecosocial? Con este espectáculo, Oyarzun e Ayala pechan a súa Trilogía de juventud, un proxecto que anteriormente explorou a relación das novas xeracións coa tecnoloxía e coa economía.

O peche da xornada chegará ás 23.00 horas, no Auditorio Rubén García do Castelo, con Mercedes máis eu, o encontro artístico entre Janet Novás e Mercedes Peón. A bailarina e performer, Premio Nacional de Danza 2025, e unha das figuras máis innovadoras da música galega contemporánea constrúen xuntas un híbrido músico-coreográfico no que danza e música deixan de ser disciplinas separadas para entrar nunha conversa íntima e directa. Esta será ademais a última ocasión para ver en directo este espectáculo.

A MIT, que organiza o Concello de Ribadavia, conta un ano máis co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, da Deputación de Ourense e do Ministerio de Cultura. Ademais, a programación da 42ª edición é posible grazas á colaboración de entidades como AC/E Acción Cultural Española, CDG Centro Dramático Galego, Secretaría Xeral da Lingua, Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, Colectivo RPM, Escola Galega de Clowns, AAAG Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Artesanía de Galicia ou Fundación ONCE; entre outros patrocinadores e apoios que fan posible unha nova edición da MIT.

Back to top button