
“Un dos principais problemas que afecta a unha gran maioría da mocidade rural galega é a falta de dispoñibilidade de transporte público nos núcleos de poboación menores. Hai escaseza de paradas e os autobuses pasan con moi pouca frecuencia, facendo complicados os desprazamentos entre localidades. Para mellorar isto, propoñemos que se abran máis liñas de transporte, mellor conectadas entre elas cun maior número de paradas e que os autobuses pasen con máis frecuencia”.

Así arrancaba o manifesto ao que o alumnos do IES Carlos Casares de Viana do Bolo daba lectura este mediodía na praza Maior no marco dunha acción reivindicativa baixo a coordinación de AGARESO, e no marco dun proxecto Erasmus+ de Participación Xuvenil. A actividade consistía nunha performance artística e simbólica na que denunciaban, dunha forma orixinal, a carencia dunha frecuencia estable nos horarios de autobuses así como a posible reducción das frecuencias dos trens de longa distancia.
Este manifesto manifesto estabaelaborado conxuntamente con alumnado doutros catro IES de Galicia participantes na Red Compás, que conecta a mocidade do rural galego arredor da participación política, o dereito á boa vida e a transformación social desde a base.
No manifesto, os estudantes tamén demandaban “becas para garantir a igualdade de oportunidades na educación”, que “a oferta laboral sexa máis accesible” e que, “tanto o sector primario como os servizos de axudas ás persoas dependentes sexan mellor remunerados; e que o comercio local sexa axudado, contra outras opcións como as compras online, mediante subvencións ou convencendo aos compradores con campañas ou propaganda”.
Así mesmo, os mozos amosaban neste texto que unha das súas principais preocupacións é a de “atopar unha vivenda digna”. Ademais pedían “novos lugares de ocio ou para facer albergues sociais” e “axudas para a xente maior ou con dificultades” e, finalmente, reivindicaban “o uso da nosa lingua, xa que é o que nos une, é a nosa identidade, a nosa cultura, o que somos e o que seremos”.

A acción estivo coordinada canda o IES Carlos Casares e forma parte do proxecto Red Compás. Con esta acción performativa a mocidade quixo reivindicar unha rede de transporte público accesible, efectiva e sostible para o rural.
Neste acto tamén se escoitaba a representantes da Plataforma Veciñal “Dereito ao Tren”, que demanda que se volvan recuperar as frecuencias e horarios perdidos na estación de alta velocidade Porta de Galicia-A Gudiña, que se sumaban aos mozos.
Fotos e vídeo cedidos.
